Category: Textos

Iniciativa para o Galego. 14 de Novembro

10 Outubro, 2009 (14:51) | Textos | 3 comments

Antón Baamonde

Onte,  venres,  os  membros  da  Iniciativa  para  o  Galego  “Galego. Patrimonio  da  Humanidade”  fixemos  unha rolda  de  prensa  en  Santiago,  na  galería  Sargadelos. Dela  dáse  conta  tanto noutra  entrada  deste  post  coa  información  que  hoxe saca  El  País  como  no  post que  onte  en  El  Voto  con  Botas publicou  Fermín  Bouza que  relata  a  noticia  tal  e  como  a  difundiu  Europapress (por  certo  que  a informadora  me  confunde  cun  curmán,  deputado  do  PP:  a  ver  se  a  confusión  lle  crea  problemas. Non  me  gustaría. Nobreza  obriga ).

A  Iniciativa  para  o  Galego  “Galego. Patrimonio  da  Humanidade”  non  intenta  ser  unha  organización,  senón  un  punto  de  referencia  e  un  espazo  argumentativo,  a  ocasión  para  renovar  as  retóricas  de  defensa do  galego  e  facelas  máis  eficaces  e  inclusivas,  con  maior  poder  de  interpelación  social. Somos  unha  voz  máis  entre  outras. Non  queremos  patrimonializar  algo  que  non  é  noso,  como  non  é  noso  o  Pórtico  da  Gloria,  queremos,  iso  si,  que  os  bárbaros  -este  goberno- non  o  destroce  despois  dunha  noite  de  botellón

O  que  publicitamos  foi  un  acto  a  celebrar  o día  14  de  Novembro,  sábado,  ás  doce  horas  da  mañá,  no  Teatro  Principal  de  Santiago.

Alí  estarán  os  secretarios xerais de  CCOO,  Xosé  Manuel  Sánchez  Aguión  e  de  UXT Galicia,  José  Antonio  Gómez,  acompañados  por  membros  dos  seus  sindicatos. Tamén  estarán  presentes  xentes  do  socialismo  galego. Que  o  PSdeG  faga  estes  xestos  ostensibles  de  colaboración  na  defensa  do  idioma  é  algo  que  debe  ser  valorado  en  todas  as  súas  dimensións.

Por  suposto  estarán  acompañándonos  tamén  rostros  significativos  do  mundo  do  nacionalismo, da  cultura,  académicos  da RAG, profesionais  de  diferentes  ámbitos  -da  avogacía,  da  medicina,  da  economía,  do xornalismo-,  xentes  de  toda  a  compleza  multiformidade  social.

Por  suposto, chamamos  a  cidadanía  a  que  se  una  a  nós  a un  acto  modesto  -ata  tal punto  somos  unha  iniciativa  cívica  que  non  temos  un  euro  nin  para  contratar  a megafonía-,  feito,  iso  si,  coa  paixón  de  quen  defende  cousas  boas  e  coa  ira  que  da  contemplar  como  catro  persoas  que  se  cren  con  dereito  a  berrar  máis  que  os  demais,  subidos  nunha  caixa  de  fruta  son  capaces  de  segregar  tan  mala  bile. Se  alguén  dubida  deste  punto,  ademais  de  acudir  a certas  declaracións  do  goberno  non  exactamente  acertadas  ou  educadas  que  pinche  nos  foros  de  GB. O  sectarismo,  o  fanatismo,  a  inimiga  contra  todo  o  que  non sexa  a  súa  visión  estreita  do  mundo  campa  polos  seus  respeitos. É  a  España  casposa,  carca,  dogmática  e  intolerante  de sempre,  vestida  con  nova  roupaxe.

A  España  inimiga  da  diversidade,  da  pluralidade,  da  tolerancia. “A  que  despreza  canto  ignora”  en  frase  de  Antonio  Machado. A  que  non  entende  que  o  bo  de  España  é  a  súa  pluralidade e  o  seu  multilingüísmo. A  que, educada  por  Franco,  segue  pensando  que  o  único  idioma verdadeiro  é  o  castelán  e  que  hai  que  suprimir  os  outros, salvo  para  a  poesía  ou  para  falar  na  casa. Se  realmente  quixeran  a  España,  e  non  estiveran  enamorados  do  seu  propio  fanatismo,  entenderían  que  a  diversidade  é  un  don,  e  que  combatila  é  un  pecado…  pero  esta  xente  non  entende  nada.Non  dialoga,  só  sabe  facer  proselitismo. Inútil  esperar  por  razóns  equilibradas  e  ecúanimes..

Queremos  que  ese  acto  poña  en  evidencia  que  a  defensa  do  galego,  a  oposición  á  actual  liquidación  que  Feijóo  e  o  seu  goberno  están  poñendo  en  marcha,  non é  patrimonio  dos  nacionalistas,  coma  esa  dereita  interesadamente  quere  facer  ver,  senón  que  o  galego  é  un  patrimonio  común  de  todos  os  galegos,  independentemente  da  súa  profesión,  situación  social, ideas,  ou  calquera  outra  característica  idiosincrática  que  cadquén  poda  ter.

Podes  querer  que  o  galego  perdure  se  és  castelán  falante,  se  és  inmigrante,  católico,  protestante  ou  xudeu,  se  che  gusta  fumar  en  pipa,  ou  eres  abstemio,  se  amas  o  cine  de  terror  ou  fártaste  de  repetir  as  dos  irmáns  Marx  ou  as  de Audrey  Hepburn,  se  che da  polo  heavy,  ou  aínda  andas  nos  Beatles. Se  estás  por  Xoel  López  ou  por  Andrea  Calamaro.

Mesmo  se  votas  ou  es  do  PP  podes  estar  pola  defensa  do  galego  e  por  combatir  contra  este  novo  cinismo  dos  actuais  dirixentes  desta  pandilla  de  neo-pijos. Sen  meterse  en  profundidade,  un  pode  facer  notar  que  a orixe  social  de  moitos  dos  membros  deste  goberno,  comezando  pola  do  seu  presidente  é  bastante  modesta,  e de  medios  maioritariamente  galego falantes. Tal  vez  por  iso  queiran  poñer  terra  de  por  medio. Terra  de  por  medio  do  seu  propio  pasado,  do  lugar  de  ónde veñen. É  a explicación  máis  clásica  entre  todas, a  máis  repetida, pero  iso  non  significa  que  sexa  falsa.

Os  meus  amigos  castelán  falantes  non  teñen  problema  algún  co  decreto  do  50-50. Ao  contrario:  queren  que  os  seus  fillos  teñan  esa  oportunidade  de  coñecer  o  idioma  do  noso  pasado  e  agardemos  que  tamén  do  noso  futuro. Non  se  trata  dun  combate  entre  comunidades  lingüísticas  como  estes  energúmenos  pretenden  suxerir.

Tampouco  se  trata  dun combate  entre  os  que  queren  a  independencia  de  Galicia  e  os  que  queren  que  España  sexa  un  estado  federal,  ou  aqueles  aos  que  lles  gusta  a  cousa  como  está  -a  comunidade  autónoma  coas  competencias  de hoxe-. Todos  poden  querer  o  galego. Este  é  un  país  libre,  unha  democracia  que  a  uns  nos  costou  algun perigo  ou  algún  esforzo  axudar  a  traer. Alguns  tivemos  ese  entusiasmo:  o  da  liberdade. Aos  que  pretenden  a  imposición  do  castelán eu,  polo  menos,  non  lembro  que  estiveran  do  mesmo  lado. Moláballes  o  retrato  de  Franco. E  o  de  Millán  Astray,  ao  parecer.

Dinnos  que  o  galego  é  unha  imposición. Pero  os  mesmos  que  afirman  iso  de  leis  votadas  por  parlamentos  democráticos  -un detalle  que  solen  esquecer- non  teñen  reparo  en  negar  o  dereito  e  a  liberdade  das  mulleres  a  interromper  o  seu  embarazo,  nin  erguen  a  voz  porque  non  se  poda  escoller,  nos  centros  privados  e  concertados,  outra  asignatura  que  relixión. É  a  Lei  do  Embudo. Un  uso  ventaxista  dos  conceptos. Falacias  repetidas  que  acaban  tomando  corpo.

Tamén  nos  aseguran  que  os  dereitos  son individuais,  que  non  hai  dereitos  colectivos. ¿Sería  bo  que  cada  traballador negociase  de  modo  individual  co  seu  patrón?. ¿Non  sería  esa  liberdade  outro  modo  de  consagrar  o  dereito  do  máis  forte?.

Aqueles  que  son  tan  ciumentos  dos  dereitos  dos  pais  ¿ignoran  que  a  educación  é  un  dereito  que  busca  a  igualdade  de  oportunidades  e  que  os  pais  comenten  un  delito  se  non  envían  aos  seus  fillos  á  escola  que  é  obligatoria  e  universal?. Ignoran  que  un  pai  non  é  libre  para  golpear  ou  maltratar  ao  seu  flo. ¿Que  existe  esa  cousa,  a  lei,  que  regula as  relacións  sociais?

Acaso  os  cínicos  que  falan  de imposición  do  galego  son  anarquistas  que  pretenden  a  destrucción  do  Estado ? Ignoran  que,  en  España,  coñecer  o  castelán  é  un  imperativo  legal  consagrado  pola  Constitución?. Non,  non  ignoran. De  feito,  o  fondo  do  seu  argumente é  ese:  que  só  se  impoña  un  idioma,  e  que  os  outros  queden  desprotexidos  das  leis  que garantizaban  a  súa  igualdade  co  castelán. O  que  queren  é  a  liquidación  dos  idiomas  non  casteláns  porque,  no  seu  delirio,  razonan  como  aqueles  independentistas  que  só  concibe  aos  paises  con  un  único idioma. No  fondo  pensan  que  o  galego  é  un  idioma  estranxeiro…  son  fanáticos  que  se  ignoran  a  si  mesmos.

Fanáticos  que.  iso  si,  son  defendidos  polo  actual  goberno  galego  e  que  contan  cunha  axuda  de  corifeos  numerosa. Por  medios  de  comunicación,  clubes  financeiros  -as  redes  do  conservadorismo  galego  máis  añoso-. Fanáticos  que  xogan  coas  cartas  marcadas. Máis  tempo  ao  tempo. Xa  o  dixo  Lincoln “Pódese  enganar  a  alguns  algún tempo,  pero non  se  pode  enganar  a  todos  todo  o  tempo”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Nos medios

10 Outubro, 2009 (09:13) | Textos | No comments

Primeira fornada de titulares dando conta da rolda de prensa de Galego, patrimonio da humanidade e as imaxes da mesma.

Europapress: «’Galego, patrimonio da humanidade’ celebrará en Santiago un acto en «defensa de la lengua» el próximo 14 de noviembre»

Crónica de Daniel Salgado en El País. «Se unha lingua expresou a liberdade en Galicia. Esa é o galego.» Retrato de grupo dalgúns dos promotores de Galego, patrimonio da humanidade.

galegopatrimonio

Nova en Galicia-Hoxe: «14-N, o galego a debate».

Vieiros: «Galego, Patrimonio da Humanidade convoca un acto de reflexión arredor da lingua».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Venres 9, rolda de prensa de Galego, patrimonio da Humanidade

7 Outubro, 2009 (22:11) | Textos | No comments

O vindeiro venres 9, ás 16.30 h. na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, «Galego, patrimonio da Humanidade» manterá un encontro cos medios de comunicación para anunciar a celebración dun acto cívico en defensa da lingua galega a mediados do mes de novembro. Na rolda de prensa intervirán Manuel Bragado, Antón Baamonde e Henrique Monteagudo, que estarán acompañados de persoeiros da vida cultural, política e sindical que expresaron a súa adhesión ao manifesto.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ProLingua

7 Outubro, 2009 (22:00) | Textos | No comments

Miguel Anxo Fernán Vello

Naceu á luz pública, como vostedes saben, unha nova plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, ProLingua, unha organización apartidaria e plural que ve na Lingua Galega o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego e o que nos dá un lugar propio no mundo. ProLingua nace —a día de hoxe son xa máis de 1.000 persoas as inscritas— manifestando que dado que a lingua galega é patrimonio de todos “rexeitamos calquera pretensión de apropiarse dela ou de atribuírlla a calquera grupo ou ideoloxía particulares”; e velaquí, ben explicitada, unha visión aberta e sen trabas que debe ser admitida e recoñecida, e proxectada, por todos nós, por todo o país. Como resulta obvio, ProLingua nace porque existe, dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, unha agresividade política inmediata e descoñecida contra o idioma galego, algo que está a causar asombro e máxima preocupación nunha ampla maioría de segmentos conscientes da sociedade galega, que ven como o “idioma propio de Galicia” é desprezado e reprimido abertamente no plano político, condenándoo así —actitude propia de “neofranquistas”— a un proceso de ocultación e desaparición nos ámbitos administrativos e educativos oficiais. Lembrarán vostedes que o presidente da Real Academia Galega chegou a “amoestar” no seu día ao presidente da Xunta por sementar a crispación social en materia lingüística e por introducir medidas desprotectoras do idioma galego. E eu xa teño realizado —desculpen—, en relación con todo isto, a seguinte pregunta: ¿Coñecen vostedes algún presidente ou Goberno dalgún país do mundo que chegue a “atentar” contra o idioma propio do país que goberna? A resposta produce asombro. E de todo este abraio sentido por tantas persoas, como unha corrente ou vaga a medrar, e pola indignación moral e política que produce nos individuos libres e amantes da cultura a actuación do presidente de Galicia e do seu Goberno, nace ProLingua. E nace, como di Xabier P. DoCampo, porque “nós non mentimos”, e porque non lle imos permitir ao Goberno da Xunta, utilizándomos sempre a forza da verdade e da razón, que leve a cabo accións contra o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego: o seu idioma propio, lingua europea milenaria, pai e nai do portugués, vehículo dunha excepcional literatura medieval e contemporánea, “a fala dos avós que temos mortos”, como deixou dito Celso Emilio Ferreiro, e unha lingua que “outros” quixeron borrar do mapa e que tantas xeracións e xeracións de dor ten producido na historia por perseguida, por ridiculizada e por negada. Mais hoxe non. Porque a barbarie hoxe non ten futuro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Las batallas del espíritu

7 Outubro, 2009 (21:52) | Textos | No comments

Fermín Bouza

Ante la obligada batalla de la lengua, que día a día es expulsada por el Gobierno autónomo de alguna parte, me preguntaba yo si las batallas del espíritu son batallas con alguna rentabilidad para gentes y países, y si no sería mejor dejar a los matarifes a solas con la lengua gallega para que la rematen de una vez. Tendríamos un problema menos, aunque renunciar a la lengua no nos hará más respetables en Madrid, al contrario, en Madrid se cotiza al alza la impostura catalana, que está cobrando sus réditos de dignidad de manera obvia, porque la dignidad cotiza fuerte. Es cierto que los insultan mucho, pero eso viene de antiguo, y lo sabemos bien los que hemos visto al Barça en alguna visita a Madrid. Esos insultos son la cara externa de los buenos negocios que todos hacen con los industriosos y dignos catalanes, víctimas del amor/odio hacia lo que se admira vivamente.

Nosotros somos buenos proveedores de materias primas culinarias, gentes que (ellos lo saben y lo notan) poco a poco o mucho a mucho van dejando de hablar su lengua, lo cual sólo les provoca un cierto desprecio hacia nosotros, que a veces es perceptible. Nos insultan poco, desde luego mucho menos que a los catalanes, pero quizá sólo es porque no nos merecemos esa dignidad del insulto.

Pensaba yo en esto y trataba de encajarlo en la dura constatación de que una parte sustancial de la clase media gallega considera que el idioma gallego es cosa antigua y rural, y que para ser modernos y urbanos hay que hablar castellano. De hecho, sin embargo, y a la hora de comportarse en los negocios, no lo piensan así en Madrid, una vez descartados aquellos intelectuales que son, de hecho también, aunque no quieran reconocerlo así, enemigos directos de las lenguas «no comunes», entre las que está la nuestra. En Madrid se cotiza al alza esa dignidad de la conservación de lo propio, y esa dignidad del amor a uno mismo da una imagen de firmeza que vende muy bien, más allá de cualquier otra consideración de índole espiritual. Firmeza, tenacidad, capacidad para ser uno mismo y no avergonzarse de ello: dignidad a manos llenas, la que tuvieron nuestros clásicos y que ahora toca revitalizar. Tenemos, es cierto, una fuerte oleada de mal gusto arrollándolo todo y generalizándose, ya se trate de los medios de comunicación o de la política o de cualquier otra actividad, y ese mal gusto penetra en las conciencias, en los gestos, en las palabras. Y ese mal gusto no es una buena compañía para un trabajo pragmático y espiritual al tiempo: la recuperación plena de nuestra lengua. Creo que la dignidad es una cosa demasiado sofisticada para ser entendida por gentes educadas en cierta barbarie, ahora triunfante, sobre todo en la televisión. Pero creo que es posible ganar esa batalla al mal gusto, revalorizar nuestra lengua y convertirla en la primera lengua de nuestro pueblo.

Hemos tenido una eficiente educación hacia el autodesprecio, y esto ha sido así hasta tal punto que hemos sido capaces de generar xenofobia hacia nosotros mismos, extranjeros en nuestra propia tierra y ante nuestra propia mirada. Me lo decía un amigo que no habla muy frecuentemente el gallego: «Es que me miro en el espejo hablando en gallego y me parezco otro, un personaje literario, irreal». Mi amigo creció en gallego y se fue a A Coruña a los dieciséis años. Hoy tiene 47 y hace intentos desmesurados por dirigirse al camarero que le sirve el desayuno en gallego. No es capaz. Cuando lo hace se pone colorado y siente una horrible ansiedad. No lo vuelve a repetir en un mes. «Créeme si te digo que me pongo enfermo cada vez que salgo de casa dispuesto a intentarlo». «En mi oficina les pasa a todos lo mismo», concluye mi lejano amigo (lejano alumno, en realidad).

Es como si el hermoso gallego que me consta que habla estuviera referido a un solo escenario: su aldea, que no llega a pueblo o villa. Y entonces me convenzo de que esta batalla del espíritu es plural: la batalla de los espíritus, porque en esa referencia semántica de los escenarios (aldea/ciudad) se constata la interferencia de un espíritu malo (entendámonos: el espíritu malo es la traducción literaria de una interferencia verbal causada por la hipercontextualización del habla), de un kamarupa, que dicen los espiritistas. Y así, como batalla de los espíritus y en tiempos de arrolladora nadería, nuestra lengua nos habla desde otro nivel, otra ambición, otra necesidad. Mi amigo arrancará a hablar el día menos pensado. Estamos en ello.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Que se acabe a deleiba!

7 Outubro, 2009 (21:45) | Textos | No comments

Henrique Monteagudo

A voz deleiba, de uso corrente na miña terra de Muros, significa desfeita, desastre. Tráioa a conto porque a lideira lingüística leva camiño de converterse nunha auténtica deleiba. Acabamos de recuperarnos do acoro causado polo discurso presidencial no acto do 25º aniversario do Consello da Cultura Galega, e regresamos das vacacións asistindo pampos aos incendios provocados na Coruña e Vigo. De máis a máis, por unha entrevista xornalística coa súa voceira máis lareta, informámonos da trastenda mental («argumentos de fondo» vaille grande) da cruzada contra o galego. Velaí a auténtica doutrina do bilingüismo: si a Galicia bilingüe, pero non aos galegos bilingües. Como din os brasileiros para expresar abraio: «Nossa!». E os nosos paisanos: «Amodo!».

- Un orixinal concepto de bilingüismo. Disque cada galego debe falar só unha lingua, se esta é o castellano; noutros casos é o seu problema. A explicación cae de caixón: adquirir unha competencia fluída en dúas linguas tan enormemente distintas coma o castelán e a outra (evítese citala polo seu nome) é imposible, ao menos para os castelanfalantes. O bo que ten esta peculiar opinión é que os que nos damos apañado nas dúas podemos andar cheos de vento. Somos uns xenios. Non é de estrañar que tamén se nos acaben apegando un chisco o portugués, o inglés ou o francés. Pásalle, por exemplo, aos nosos emigrantes; algúns, mesmo aprenden o alemán. Manda truco!

Coñécese que todas estas brillantes reflexións veñen destiladas dunhas xornadas internacionais sufragadas pola douta Deputación de Pontevedra, en que se debullou a xeito a mazaroca. Xuntáronse unha morea de expertos seica moi acreditados. Tamén falaron os movementos pola liberdade lingüística, ou sexa, radicalmente partidarios de que os castelanfalantes utilicen o seu idioma cando lles dea a gana, en canto que os outrofalantes se amolen e non toquen máis o zoco. Tendo en conta que, segundo se acaba de explicar, os malpocados dos primeiros arrastran eivas irreversibles que lles impiden aprender os outros idiomas, sería abuso, aldraxe e sacrilexio violar o seu sacrosanto dereito a ignoralos. É o que ten ser español, que os idiomas se che dan fatal.

- Aprender o galego: Non queren, non lles peta, e non lles sae dos fociños

Así e todo, o argumento máis persuasivo foi este: os da liberación idiomática non queren aprender os outros idiomas porque non lles peta, e morra o conto! Afortunadamente, hai políticos valentes que están polo labor de facer realidade os prexuízos clasistas, digo as nobres arelas, destas pobres xentes asoballadas polo outro idioma: sobreviven sen televisións, radios nin xornais en castelán, maltratados a feito por causa do seu coitado idioma cervantino, inicuamente excluído da publicidade e vetado nos lugares de maior visibilidade pública (hipermercados, espectáculos, clubes financeiros, estadios de fútbol, salas de cine…). Menos mal que hai líderes que toman conta do problema, movidos por puro idealismo; o que no seu caso significa que a ver se remexendo na pota conseguen gañar unhas eleccionciñas.

Por exemplo, un persoeiro moi documentado sabe de certo que A Coruña sempre foi La Coruña (por moito que os pailáns, xa desde a Idade Media, se empeñasen en luxar este lustroso nome con aquela rústica pronuncia), e por tanto está disposto a derrogar unha totalitaria Lei de Normalización Lingüística culpablemente impulsada un día polo seu propio partido (daquela cripto-nacionalista, hoxe xa encarreirado na Recta Vía), e aprobada con sospeitosa unanimidade polo Parlamento de Galicia. É que en tempos estaba de moda un abafante galeguismo (cousa dun tal Ramón Piñeiro), hoxe felizmente superado. O caso é que o actual alcalde da cidade, socialista por sinal, xa se lle adiantou, e el tamén reivindica o topónimo castellano. Mesmo ao secretario do PSdeG, home de mensaxes sólidas e coherentes, lle deu por apuntarse ao carro para recuar despois. Non, se por este camiño imos acabar naquilo de que «tanto me ten Xan coma Pericán».

Outra. Un edil olívico quere chimpar a ordenanza municipal de uso do galego inspirada noutra opresiva lei do mesmo Parlamento que precisamente se aprobou co voto da súa formación política. Pero aqueles eran os tempos do ultraesquerdoso e furibundo antiespañol Manolo Fraga, o mesmo que impulsou o funesto Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado tamén por unanimidade baixo a ditadura separatista do PP(G). Non hai que esquecer que daquela imperaba unha noxenta afección ao consenso para tratar asuntos fundamentais do país, na actualidade asisadamente desbotado. Así e todo, isto foi hai moitísimo tempo, alá por 2004, e desde aquela Galicia evolucionou que mete medo. Tamén é mala pata, home, que a vixencia do tal Plan Xeral fose ratificada polo propio Parlamento o sete de outubro de 2008, co voto de todos os grupos, PP incluído. Un mal paso dáo calquera…

Ah! Está tamén un director xeral da Xunta de Galicia (no seu momento alistado na Falange Española Independiente, digna continuadora da ilustre organización que nos saudosos tempos do franquismo promoveu con fervor o bilingüismo cordial, máis tarde vergoñentamente deturpado pola fedorenta partitocracia xudeu-masónico-separatista), un director xeral de Administración Local da Xunta, digo, que amoesta o Concello de Vigo porque este pretende nada menos que requirir o coñecemento do galego nas probas de acceso á función pública. Pero para que quererá saber o outro un funcionario municipal, se todo o mundo entende o castellano?

Como dixo Castelao, non vos riades que o conto é triste. O vindeiro 18 de outubro estamos convocados en Compostela os que queremos galego, máis galego, para proclamalo con respecto, diálogo e desexo de convivencia. Oxalá sexa unha grande festa civil, con moita e plural participación, unha declaración masiva de amor ao idioma, sen exclusivismos, afáns de monopolio nin molestas provocacións. Para que remate a deleiba, canto antes e para sempre.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Dúas escolas de pensamento

16 Xullo, 2009 (17:24) | Textos | 10 comments

Antón Baamonde

É posible atopar dúas escolas de pensamento sobre a liña de conduta que vai seguir no futuro o PP acerca da cuestión lingüística. A máis nutrida imaxina que, feitas un par de filigranas para contentar aos sectores máis castelanistas, os conservadores  retornarán ao  statu  quo  anterior. É a esperanza, por exemplo, de todo o galeguismo institucional que, doutro modo, se vería nunha posición difícil e desairada e, tal vez, dunha parte do PP, do PSdeG e ata do BNG.

O que esperan os que confían nesa volta ao rego é que o PP aprobe un decreto que substitúa  ao anterior –que instituía unha porcentaxe  de ao menos un  50% por cento para as materias en galego por outro que sexa dalgún modo aceptable. Esa é a verdadeira e complicada tarefa de Anxo Lorenzo. Esa esperanza vese menoscabada, no entanto, pola desaforada actividade do goberno galego en orde á súa deconstrución.

A suposición, que provén do período de Fraga, de que o goberno non quere complicacións nesta materia tal vez non ten en conta que este PP xa non é aquel PP. Dende a toma de posesión as múltiples iniciativas contra a presenza do galego –supresión do seu exame nas probas do Sergas–ou a continuación da liña de ataque de liberdade fronte a imposición –a enquisa ofrece material para esa guerra– suxiren que a posición de fondo é máis belixerante do que foi o caso no pasado. Infinitamente máis.

Agora xa sabemos quen son os birretes, e polo que se ve, non andan sobrados de ilustración, pero saben canalizar moi ben a frustración e o resentimento de certos segmentos sociais. A ofensiva en curso, se  continúa deslexitimará a todo aquel que se  acerque demasiado. É un aviso para navegantes.

Dende logo, todo parece apuntar a que o cabalo de batalla vai ser o novo decreto inspirado na filosofía do 33% para cada idioma. É  un obvio intent  de contentar a todos que, na súa aplicación práctica, pode ofrecer interesantes posibilidades de adaptación ao territorio ou, pola contra xerar aínda máis conflito. Veremos o que pasa.

A segunda escola de pensamento infire da liña de actuación de Núñez Feijóo, tomada das pías nas que beben os conservadores de toda España que, moi ao contrario, o que virá é unha ofensiva sistemática contra o idioma que, no límite, intentará  convertela nunha linguaoptativa, por oposición ao castelán, que sería o idioma por defecto. Isto, naturalmente, como tipo ideal, dado que a administración galega non pode dar tan rápido ese xiro, por moi diversos motivos.

De ser certa esta segunda opción o que hai que ter en conta é que  estamos  ante  algo  moi  novo. Se  o PP percorre este camiño é  porque xulga que pode. Porque supón, con razón ou sen ela, que no actual nivel de castelanización do país e coa inimiga contra  o galego que xa ten masa crítica, poden reducir aos seus adversarios a cinzas. Son eles os que escolleron este campo de batalla, hai  que lembralo.

O fiel da balanza vai ser a sociedade galega. Na miña opinión non é evidente cal vaia a ser nin o guión polo que discorra o asunto –os xiros de cada un dos actores non deberían deixarnos estupefactos aos que xa imos tendo anos– nin que novo consenso de fondo vai establecer, a través de procesos inducidos ou espontáneos, a sociedade galega. Non quero que isto pareza pesimismo pero moi  ben pode gañar esa visión que só lle concede ao galego un estatus optativo, concedido desde a magnánima condescendencia da sociedade que vive como natural e maioritario o seu criterio.

Non quero que pareza pesimismo: estou establecendo unha hipótese que hai que considerar. En Galicia haimoita xente que le a  Gramsci ao revés: non era  «Optimismo da intelixencia, pesimismo da vontade» senón o  seu contrario «Pesimismo da intelixencia, optimismo da vontade». Ou para dicilo co refrán que lle dá  título a este blog «non é o mesmo tomar as trincheiras no café que o  café nas trincheiras».

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿Conflito lingüístico?

14 Xullo, 2009 (18:06) | Textos | No comments

Xosé Manuel Sánchez Aguión, José Antonio Gómez Gómez, secretarios xerais de CC.OO. e UGT de Galicia

Comecemos por recoñecer que vivir nun país con dúas linguas non só non é un problema, senón que debe ser unha oportunidade. De feito, a inmensa maioría cidadá de Galicia conviviu sen problemas lingüísticos. E se a cidadanía vive allea ao aparente problema da lingua, cabe pensar que o enfrontamento é provocado voluntariamente pola dinámica electoral, coa finalidade de apañar uns poucos votos entre quen se mostra máis belixerante, sen importar que sexa á conta de interpretar a lexislación de maneira máis que torticeira.

O Estatuto de Autonomía establece como linguas oficiais da nosa comunidade o galego e o castelán e, en consecuencia, o dereito dos seus cidadáns a coñecelas e usalas. Os poderes públicos teñen, pois, o deber de garantir os dereitos da cidadanía e facilitar o coñecemento dos dous idiomas en igualdade de condicións.

Darlle ao galego no acceso á función pública un tratamento de lingua estranxeira non é unha boa maneira de garantir estes dereitos. Ademais, as empregadas e empregados públicos selecciónanse polos principios de capacidade e mérito, sen que o principio de igualdade se vexa comprometido polo feito de que se lle esixa o coñecemento da lingua propia de Galicia. Vinte e nove anos despois de promulgado o Estatuto e establecida a oficialidade dos dous idiomas, o tratamento diferenciado no acceso supón unha manifesta toma de postura preferente a favor dunha das linguas. Igual consideración podemos facer no ámbito do ensino. A oficialidade das dúas linguas vén dada polo Estatuto de Autonomía, polo que é un deber dos poderes públicos facilitar o seu coñecemento, dándolles no ensino obrigatorio un tratamento igualitario. Serán logo os cidadáns e cidadás adultos quen decidan cal queren usar.

A trampa da «liberdade de escolla» implica a vontade expresa do poder público de renunciar ao cumprimento dunha obriga imposta polo Estatuto, que é facilitar o coñecemento das dúas linguas e, pois, un tratamento igualitario á hora de ensinalas. Non concibimos que, por exemplo, se consulte no ensino obrigatorio sobre que se estude ou non se estude matemáticas, entendendo que se trata dunha materia fundamental.

¿Como se pode nestas circunstancias falar de «harmonía», «amabilidade» e outras sutilezas aparentemente ben intencionadas? ¿Como podemos falar de consenso cando, de feito, pretenden impor as posturas máis radicais nunha das direccións?

Sería desexable que retornase a cordura. UGT e CC.?OO. cremos firmemente que o galego nunca debería ter sido utilizado como un instrumento de confrontación ou fractura social, nin como bandeira exclusiva, diferenciadora ou elemento de discriminación. Deberiamos entre todos tratar de lograr que calquera modificación sobre o decreto do uso do galego no ensino conte co consenso da cidadanía e dos seus lexítimos representantes políticos e sociais.

Tribuna publicada en La Voz de Galicia (14-07-2009)

Chuzame! A Facebook A Twitter

O galego, a nosa Amazonia

14 Xullo, 2009 (12:02) | Textos | 1 comment

Editorial da Revista Galega de Educación nº 44. Xuño 2009

Dise, e aceptamos, que na Amazonia, na riqueza e diversidade da súa vida, encontra a medicina un ámbito de extraordinario impacto investigador na procura de produtos non agresivos para a saúde humana. Dise, e aceptamos, que se salvamos entre todos e mediante decisións políticas, económicas e culturais colectivas a Amazonia, podéndollela deixar, en mellor estado de como chegou a finais do século XX, ás xeracións futuras, pasando de pais a fillos, entón poida que haxa unha oportunidade para todos. Dise, e aceptamos todo iso.

Tamén é certo que hai xente que non é consciente do asunto, nin dos problemas de todos; é, así mesmo, certo que hai persoas conscientes, pero que non acreditan no futuro; isto é, que non acreditan nun futuro sostible para lles deixar aos fillos, e pensan que o presente acaba mañá mesmo, e entón que nada paga a pena para máis adiante. Pensan que hai que explotar abrasiva e rapidamente, con lucro inmediato, todo aquilo que se cre que pode valer economicamente algo no mercado. Pensan que o horizonte está cegado. Todos estes son malos de convencer sobre as bondades da Amazonia, porque a miúdo nin queren oír falar do asunto ou mesmo pensan que entón xa non haberá hoxe “negocio”.

O galego é a nosa Amazonia; e ben certo que é como na proclama que nos convocou na gran manifestación cidadá e colectiva do pasado Día das Letras “ a nosa columna vertebral”.

O galego enche a nosa constitución e tradición histórica e social, que nunha pequena e escintilante medida se representa no Museo do Pobo Galego; vaian alí e leven nenos e mozos e díganlles como se chaman todas as cousas que alí hai, e explíquenlles os procesos de laboría e de socialización que ao seu través se levaron a cabo, cando menos, ata hai 50 anos; vexan se son capaces de atinar con outra fala e outra lingua que non a galega. E sexan conscientes de que o mundo do traballo chegaba ou estaba na cerna de todas as cidades galegas.

Fálenlles do grande ilustrado Sarmiento, que se escribía con científicos de Europa, en latín e díganlles que o facía sobre aspectos de botánica e outras materias da historia natural con referencia sempre a datos de Galicia, con nomes galegos á beira dos latinos. Fálenlles de todos os galegos e galegas que tiñan e teñen hoxe algunha consciencia explícita e algunha pretensión de trazar camiños para o horizonte colectivo, e non só para a procura da facenda e dos bens familiares, e vexan canda eles en que falaron, e en que escribiron cando puideron. Lean, canda eles, as fermosas páxinas de Sempre en Galicia de Castelao, con tanta devoción e curiosidade, cando menos, como se le El Quijote.

Pensen nas palabras que nomean, aínda hoxe, a multiplicidade do noso mundo natural, das nosas contornas xeográficas, as árbores que deixaron os avós para que mesmo nos desen froita que apreciamos. Pensen na fala maioritaria na infancia de todos os que hoxe sobordan os cincuenta anos no noso país. Ollemos para os nosos apelidos, caso de non estar espantosamente alterados, e vexan canto galego teñen. A nosa biodiversidade está na nosa lingua: a tradición que nos dá identidade colectiva; o sentido co que enfrontamos a creación literaria propia do noso tempo e para un mellor futuro; a capacidade de pensar un horizonte social con perspectivas de alterglobalización; a agudeza para explotar de modo sostible os nosos recursos, tamén está na lingua. O noso modo de estar no mundo e de relacionarnos, as nosas capacidades de ser ponte (por exemplo en Iberoamérica ou en África) tamén poden ter que ver e moito coa lingua.

E sendo así, temos a nosa Amazonia. Temos con nós dentro das casas, nas nosas escolas, nas nosas oficinas e aulas, nas nosas empresas, nos nosos consellos de dirección ou de alta dirección, a nosa Amazonia: un pulmón de biodiversidade cargado de futuro; tamén, un espazo de retos e de oportunidades.

E sendo así, a que vén falar de “imposicións”, dende a Xunta, dende a Consellería, dende voceiros xornalísticos aplaudidos en Madrid, neste actual estado de cousas que actualmente temos?; cal é o sentido de falar de tanta liberdade de escolla, como se non houber futuro e todo fose rematar mañá cedo?; cal é o sentido de desandar camiños e non precisamente para ensaiar outros mellores?; onde está a responsabilidade política que a todos nos convoca, se cadra mesmo como o fixeron Churchill cos ingleses ou de Gaulle con franceses e contra o fascismo, para o reto, para a construción da nosa biodiversidade, como célula de universalidade, e tamén, neste caso de multilingüismo?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crónica dun acto cívico

12 Xullo, 2009 (07:47) | Presentacións do Manifesto, Textos | No comments

Arume dos Piñeiros

Veño da presentación de «Galego, patrimonio da humanidade». Cheguei tarde e non escoitei a Bragado. Puiden atender o verbo pousado de Baamonde (o da pulsión basal de Galicia gustou moito ao meu compañeiro Forcadela), de espíritu moi conciliador, sen menoscabo de alusións concretas a segmentos do PP («jaleados» desde as ondas extremodereitas madrileñas) nemigos da lingua galega.

XDocampo, en estilo diverso, ponderou a palabra imposición e o correlato da liberdade e tentou identificar nun texto moi elaborado e pronunciado con solemnidade demorada a lingua galega co propio país. Non sei se se falara antes de impulsar unha iniciativa popular a favor da lingua galega para obter un millón de sinaturas, pero saiu no seu comentario, con palabras, ao meu xuízo, excesivamente esperanzadas. Como final, lembrou o clásico «En Galiza, en galego», pero non disimulou a súa versión: «En Galiza, só en galego».

Camiño Noia amosou unha indignación ben notoria. Viña encendida da reunión mantida no Consello da Cultura Galega con ANFeijoo. Como dixo que non ían contar os xornalistas as miudenzas da xuntanza, conto eu o que ela contou: que o presidente citara a Kundera, Joyce e Kafka como exemplos (suponse por escribir noutras linguas distintas ás súas) da súa exposición sobre a liberdade lingüística, para escándalo de case todos. Para Camiño o ton nin siquera foi compracente ou protocolario, senón belixerante mesmo diante de xente moi sensible a este asunto. Rematou pedindo renovada militancia, en ton manifesto de arenga.

Gonzalo Navaza buscou a analoxía coa fauna e a flora para desmontar o que el considera falacia: a de non considerar as linguas suxeitos de dereito, e, polo tanto, como a propia paisaxe, susceptibles mesmo de exterminio. O seu verbo tamén foi encendido, tal vez provocado porque viña algo acalorado pola carreira que se meteu para chegar a tempo.

Falou Alfonso Álvarez Gándara para reclamar aplauso á iniciativa e para notar unha certa autocompracencia nos defensores do galego. Foi exquisito nas formas pero crin advertir unha lixeira crítica á funcionarización da lingua, á liturxia conformista do galego. Non sei se interpretei eu ben as súas palabras, pero agradecín ese pequeno aceno disconforme.

Monteagudo analizou, con detalle (non son quen de lembrar todos os aspectos que destacou), a pretensión fulminadora do goberno do PP: a min me gustou a súa apreciación última sobre a necesaria defensa da legalidade vixente e, sobre todo, a perentoria defensa da discriminación positiva como rasgo lexislativo fundamental.

Un par de persoas máis (Gundín, Gonzalo Bouzada) incidiron, con discursos animosos, na necesidade dunha ofensiva («Ao ataque», chegou a dicir o primeiro) intelixente. María Xosé Queizán pediu política e menos sentimentalidade, pero deixouse levar ao final pola petición, xa máis airada, da demisión do presidente da Xunta por non defender o que en realidade considerou ecuación irrenunciable Galiza=galego. Antón Reixa recobrou tempos de asamblea e fixo un discurso ben interesante, cunha afirmación que creo levaba preparada de «Máis políticos e menos politómanos». Pero entendo que acertou en levar a discusión (dixo que se confundira de formato: viña para asistir a unha reunión e atopou unha rolda de prensa) ao terreo puramente político de novo, en defensa da lei, do plano e do decreto, co propósito explícito de buscar aos votantes do PP á causa. Carlos Callón, que asistiu a carón de Bieito Lobeira ao acto, interviu case ao final para apoiar o movemento e poñer a disposición desta idea toda a forza da súa organización: revelou que moitos castelanofalantes aprezan esta iniciativa e considerou oportuno contar con todos eles.Pareceume elegante a súa intervención e penso que é moi probable que desista de continuar a presentada o outro martes e incorporarse (el e supoño a Mesa) como parte integrante deste movemento chamado a instaurar un novo Nunca máis coa lingua galega como obxecto fundamental de defensa, tal e como comentaba PP KKmo ao final do acto en plena Praza da Princesa.

Non sei se esquezo algunha intervención máis. Sei que andaban por alí amigos do feisbu como Montserrat Paz, Paz Raña; escritores como Calveiro, Forcadela, Fran Alonso, Pepe Cáccamo; políticas como Iolanda Veloso ou Carme Adán; e blogueiros como Martin Pawley (que grabou a man firme o acto). Seguro que esquezo a alguén: que me perdoen. Pero a miña memoria deste acto fundacional deste movemento cívico non dá polo de agora para máis.

Addenda:
Camiño lembrou algunha das palabras que off the record lle mandou aos responsables da consellería. Son irreproducibles aquí, pero algunhas delas están no Himno galego.

O amigo Gundín (creo que así se chamaba) lembrou unha cousa que resulta fundamental: de levar adiante calquera iniciativa popular se precisa a maioría na cámara: preguntouse como conseguilo. Creo que deu a clave do que hai que facer.
Tamén interviu un rapaz ben novo que falou en español para deplorar o ataque contra o galego. Foi o que deu pe a Carlos Callón (a quen por certo eu non coñecía) para falar desa realidade ben evidente de castelanofalantes a quen esta deriva lle parece irresponsable.

[Texto publicado no perfil de Facebook e no blog de Arume dos Piñeiros]

Chuzame! A Facebook A Twitter