POR UN ENSINO BILINGÜE E UN MODELO EDUCATIVO INTEGRADOR

20 Xaneiro, 2010 (17:58) | Sen clasificar

Seguindo unha liña implacable de desmantelamento das políticas de promoción do idioma galego e da convivencia lingüística en Galicia, o goberno do Partido Popular presentou o pasado 30 de decembro unhas denominadas “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”. Tales Bases anuncian un decreto que virá substituír o aprobado en 2007 polo goberno de coalición entre o PSdG/PSOE e o BNG, unha norma que o Partido Popular converteu en cabalo de batalla política e electoral, encirrando os vellos prexuízos contra o idioma do país e sementando a discordia na nosa sociedade. Os obxectivos inmediatos desa campaña foron reverter calquera avance do galego e desgastar o goberno de coalición progresista e nacionalista. Pero cada vez aparece máis claro que o seu horizonte era e é a reconquista da hexemonía política no Estado, fundada no lanzamento nun amplo proceso de re-nacionalización de España e de recentralización do Estado nos vellos e caducos moldes uniformistas.

En consecuencia, o decreto que se anuncia nas devanditas “Bases” suporá a culminación das medidas regresivas contra o galego que se viñeron tomando desde os mesmos comezos da presente lexislatura. O que se anuncia é unha norma que implicará un cambio radical do modelo de convivencia lingüística que foi fraguando no noso país nas últimas décadas, a partir da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Unha viraxe que virá imposta de xeito unilateral, esbandallando un consenso laboriosamente forxado, que callou no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado unanimemente (a iniciativa da Xunta do PP) polo Parlamento de Galicia en 2004. Os aspectos fundamentais en que se basea o modelo vixente ata agora son:

1)    Cooficialidade do galego e o castelán, procurando a súa igualdade real, a competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía, e o respecto aos dereitos individuais dos falantes dunha e outra lingua.

2)    Impulso de políticas de promoción do galego, para compensar a súa situación de partida, claramente inferior ao castelán, consecuencia pola imposición histórica deste idioma e da marxinación do noso.

O modelo lingüístico que se foi deseñando para o sistema educativo de Galicia fúndase nos seguintes principios: a) a educación é un factor de integración lingüística e social, b) o sistema educativo ten un papel fundamental na capacitación lingüística dos/as estudantes, particularmente nas dúas linguas oficiais, c) o ensino debe contribuír a compensar a desigualdade de estatus social do galego e o castelán. En consecuencia, no terreo lingüístico os principais obxectivos dese modelo son a competencia equivalente nas dúas linguas (explícito) e a contribución á normalización social do galego (implícito).

O modelo de bilingüismo escolar foi evoluíndo co paso do tempo, dentro duns marcos cambiantes pero considerablemente flexibles, construídos sobre as seguintes bases:

- Primeiro ensino na lingua materna, pero con atención á outra lingua oficial

- Uso vehicular das dúas linguas oficiais no currículo

- Incremento progresivo da utilización do galego, con fixación de mínimos da súa presenza no currículo

- Planificación por obxectivos, máis ca por modelos

- Flexibilidade e relativa autonomía dos centros na planificación lingüística, en atención aos diferentes contextos sociolingüísticos.

As “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, presentadas pola Xunta de Galicia atentan contra os principios, os obxectivos e as características básicas dese modelo, e concretamente nos seguintes aspectos fundamentais:

1)    Desleixo do papel social e lingüisticamente integrador do sistema educativo

2)    En consecuencia, abandono da función compensatoria e igualadora da desvantaxe social do galego con respecto ao castelán, substituída por un equilibrio entre as linguas puramente formal e con efectos minorizadores para o galego

3)    Reversión do principio de progresividade, substituído por unha decidida tendencia regresiva: de súpeto, o galego pasa dun mínimo do 50% do currículo a un máximo do 33%

4)    Fixación obsesiva nos modelos en lugar de atender ao realmente importante, que son os obxectivos do sistema educativo

5)    Atribución ás familias dun papel claramente intrusivo e distorsionador, non demandado por elas, no deseño dos currículos escolares, con grave desprezo da dignidade profesional do profesorado

Todo o devandito adobiado coa introdución aberrante e extemporánea no debate dun terceiro en discordia, o inglés, coa única pretensión de desviar a atención sobre os problemas reais, e, aínda peor, de confrontar unha lingua estranxeira pero con grande prestixio, coa lingua propia do país aínda seriamente eivada na súa imaxe social. Tan evidente resulta que unha satisfactoria capacitación en inglés debe ser un obxectivo do sistema educativo, coma que o lugar para o debate sobre ese problema non o constitúe un decreto que debe regular o uso das dúas linguas oficiais de Galicia no sistema educativo.

Galicia precisa un modelo de bilingüismo educativo común e integrador, respectuoso e galeguizador, progresivo e flexible, e que conte cun horizonte de estabilidade, a resgardo de vaivéns políticos e electorais. Por tanto, e coa mira posta en conseguir un auténtico bilingüismo equitativo entre o galego e o castelán, que sitúe o idioma propio de Galicia no lugar que en xustiza lle corresponde e que a inmensa maioría da sociedade desexa, o colectivo GALEGO, PATRIMONIO DA HUMANIDADE, chama á cidadanía galega e os actores do sistema educativo, profesorado, estudantado e persoal administrativo, así coma as familias a apoiar as mobilizacións convocadas para o día 21 de xaneiro, e en concreto a folga xeral do ensino e a manifestación en Compostela.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter