Comunicado sobre a sentenza do Tribunal Supremo
A xuízo de Galego Patrimonio da Humanidade a recente sentenza do Tribunal Supremo que falla contra o pai do colexio vigués “Los Sauces” que solicitaba que o seu fillo fose integramente educado en castelán reforza a constitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística e, indirectamente, do decreto que o anterior goberno bipartito aprobou en orde a garantir a igualdade entre galego e castelán no marco educativo.
A sentenza revalida a doutrina do Tribunal Constitucional e pon en evidencia que a hipótese da exclusividade do uso do castelán no sistema educativo sería un acto de discriminación atentatorio contra os valores consagrados no actual marco xurídico. Pon en evidencia tamén ao Consello Consultivo de Galicia que elaborou un nesgado informe contra o decreto agora vixente utilizado de modo partidista contra o goberno bipartito. O fallo revela o carácter pre-constitucional das reivindicacións dos grupos que pretenden a hexemonía do castelán, como Galicia Bilingüe e, polo mesmo, a campaña de falsidades que o Partido Popular avalou na campaña electoral, dándolle crédito ás posicións máis radicais e intransixentes.
En vésperas da aprobación do novo decreto que substituirá ao anterior esta sentenza constitúe unha chamada de atención e, de feito, un tirón de orellas ás promesas de Núñez Feijóo aos sectores castelanistas máis recalcitrantes. En particular a segregación dos rapaces por idioma atenta contra o Estatuto de Autonomía e o marco educativo vixente.
Galego Patrimonio da Humanidade lamenta que o Partido Popular teña ido tan lonxe dos principios constitucionais só por disputar un puñado de votos con UPyD e por darlle satisfacción a un sector moi minoritario dos pais. É o propio Núñez Feijóo quen terá que saír polos seus propios medios dun conflito que alentou e promoveu, dándolle pábulo á falsa idea da imposición lingüística voceada dende certos medios de comunicación interesados. Que un goberno se sitúe contra o idioma do propio país é algo insólito que a cidadanía, como así o fixo, non pode máis que contestar.