Intervención de Henrique Monteagudo en «Lingua de liberdade»

16 novembro, 2009 (02:43) | Sen clasificar

Vou falar brevemente en nome de “Galego, patrimonio da humanidade”, a entidade que organiza e convoca este acto. En primeiro lugar, gustaríame aclarar que o noso é un colectivo aberto, non unha plataforma organizada. Non é a nosa intención competir coas dúas plataformas de defensa da lingua que están a funcionar, “Queremos Galego” e “Pro-Lingua”. Congratulámonos da súa existencia, que expresa o dinamismo cívico e a rica pluralidade do noso tecido social, e agradecémoslles o seu traballo, que de ningunha maneira contemplamos como contraposto, nin entre elas nin con “Galego, patrimonio da humanidade”. Varios de nosoutros formamos parte dunha e da outra plataforma, e non atopamos ningunha incompatibilidade nisto. Estamos traballando todos nun clima de complicidade e complementariedade cun obxectivo compartido, de mobilización da sociedade e da opinión pública en defensa do idioma galego.

A tarefa específica que se marcou o noso colectivo “Galego, patrimonio da humanidade” é a creación dun espazo discursivo arredor da lingua, un espazo radicado na pluralidade, e onde priman os argumentos cívicos e a racionalidade democrática, e maila deliberación libre e informada. Queremos apelar ás distintas forzas e os diversos sectores sociais, como é o caso dos sindicatos e os profesionais, que hoxe estiveron representados neste acto. Pensamos que é necesario abrir o debate sobre a lingua, ata agora excesivamente circunscrito no ámbito político e a sectores ideolóxicos, políticos e sociais moi respectables pero tamén moi determinados. En definitiva, aspiramos a contribuír para crear un novo discurso acerca do galego e da convivencia lingüística en Galicia e no conxunto do Estado.

Non se oculta a ninguén que nas actuais circunstancias, é unha preocupación moi particular a que nos inspira, que vén motivada polos ataques que está a recibir o galego por parte de sectores minoritarios pero que gozan de privilexios moi exclusivos e atesouran un gran poder económico e mediático, coma os que representa, por poñer un exemplo ben significativo, o Club Financeiro de Vigo. Aínda máis nos alarma o enfoque que a actual Xunta de Galicia está a dar á política lingüística, un enfoque imposto por esas elites sociais privilexiadas e claramente orientado a desmontar as conquistas da autonomía, a desprotexer e desincentivar o galego, a desconstruír as bases da nosa convivencia.

O marco democrático e autonómico de que nos dotamos propiciaron uns avances innegables no tocante á dignificación do idioma, á extensión do seu uso na vida pública, nas institucións oficiais e na produción cultural. Pero aínda estamos lonxe de conseguir o obxectivo da plena igualdade non só xurídica e formal, senón efectiva e real, do galego e o castelán. O idioma galego e os seus falantes (os sectores populares do país) aínda cargan cos estigmas ben visibles que lle inflixiu o maltrato histórico que padeceron, brutalmente agravado pola ditadura franquista. Por iso resulta un sarcasmo que se pretenda trasler a historia e poñela do revés, asociando o galego coa imposición e o castelán coa liberdade. Se hai unha lingua que neste país expresou as arelas de xustiza e liberdade do noso pobo, esa é o galego: de aí o lema que preside o comicio que estamos a celebrar: LINGUA DE LIBERDADE.

O principal desafío que teremos que enfrontar no inmediato futuro é a anunciada derrogación do decreto que regula o uso do castelán e o galego no ensino pre-universitario. Un decreto que aprobou a anterior Xunta de Galicia, e que avanzaba nun camiño consensuado entre os tres partidos parlamentarios, baixo o mandato de Manuel Fraga, que se orientaba cara a unha tratamento equitativo dos idiomas, atribuíndolle ao galego unha porcentaxe de uso mínimo do cincuenta por cento na educación.
Sabemos que as intencións de principio do actual goberno galego son rebaixar os mínimos esixidos para o galego, pero neste momento descoñecemos a fórmula que se adoptará no novo decreto. Nesta situación, o colectivo “Galego, patrimonio da humanidade” chama á sociedade a impedir que se dean pasos atrás na imprescindible protección do galego, unha protección que comeza polo seu uso normalizado no medio educativo. Os centros educativos que, grazas á implicación do profesorado e co asenso de toda a comunidade educativa, se levan esforzado para cumprir a legalidade, e conseguiron avanzar na progresiva implantación do galego, non deben verse agora obrigados a recuar.

No fondo, o que reclamamos é algo moi sinxelo. Que o Partido Popular volva ao consenso político e social que rachou hai dous anos, cando se opuxo á aprobación do decreto sobre o galego que agora a Xunta quere derrogar. Reclamamos un marco estable, fundado no consenso político e social, para a protección da lingua propia do noso país nun clima de respecto e de convivencia entre todos os galegos, independentemente do idioma que falen.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Escribe un comentario