Month: Novembro, 2009

Comunicado sobre a sentenza do Tribunal Supremo

17 Novembro, 2009 (18:40) | Sen clasificar | 163 comments

A xuízo de Galego Patrimonio da Humanidade a recente sentenza do Tribunal Supremo que falla contra o pai do colexio vigués “Los Sauces” que solicitaba que o seu fillo fose integramente educado en castelán reforza a constitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística e, indirectamente, do decreto que o anterior goberno bipartito aprobou en orde a garantir a igualdade entre galego e castelán no marco educativo.

A sentenza revalida a doutrina do Tribunal Constitucional e pon en evidencia que a hipótese da exclusividade do uso do castelán no sistema educativo sería un acto de discriminación atentatorio contra os valores consagrados no actual marco xurídico. Pon en evidencia tamén ao Consello Consultivo de Galicia que elaborou un nesgado informe contra o decreto agora vixente utilizado de modo partidista contra o goberno bipartito. O fallo revela o carácter pre-constitucional das reivindicacións dos grupos que pretenden a hexemonía do castelán, como Galicia Bilingüe e, polo mesmo, a campaña de falsidades que o Partido Popular avalou na campaña electoral, dándolle crédito ás posicións máis radicais e intransixentes.

En vésperas da aprobación do novo decreto que substituirá ao anterior esta sentenza constitúe unha chamada de atención e, de feito, un tirón de orellas ás promesas de Núñez Feijóo aos sectores castelanistas máis recalcitrantes. En particular a segregación dos rapaces por idioma atenta contra o Estatuto de Autonomía e o marco educativo vixente.

Galego Patrimonio da Humanidade lamenta que o Partido Popular teña ido tan lonxe dos principios constitucionais só por disputar un puñado de votos con UPyD e por darlle satisfacción a un sector moi minoritario dos pais. É o propio Núñez Feijóo quen terá que saír polos seus propios medios dun conflito que alentou e promoveu, dándolle pábulo á falsa idea da imposición lingüística voceada dende certos medios de comunicación interesados. Que un goberno se sitúe contra o idioma do propio país é algo insólito que a cidadanía, como así o fixo, non pode máis que contestar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

14-N: Emoción, humor y determinación

16 Novembro, 2009 (16:46) | Sen clasificar | 108 comments

Fermín Bouza
Fue un acto no sólo lleno de significación cívica y de representatividad social: fue emocionante y divertido, como si el sentimiento del idioma hubiese generado en igual medida calor y distancia (Cándido Pazó fue un extraordinario presentador, showman o como quieran decirlo). Divertido y emocionante, sin otra seriedad que la `propia de un tema grave y en la medida estrictamente necesaria, el acto del 14 de Noviembre a favor de la lengua gallega trajo a sindicatos (UXT; CCOO) y organizaciones políticas (PSdG y BNG, con gentes presentes y reconocibles), alcaldes, rector de la USC, y otros representantes académicos, gentes diversas interesadas en estar presentes en esta presentación de un camino  interpartidario, plural y de progreso para trabajar en la plena recuperación del gallego. Gentes a las que no veía tras tantos años de distancia del día a día de mi tierra, gentes que han seguido trabajando por cosas positivas, como lo habían hecho siempre, gentes de mi generación que no han dejado de construir y estar presentes en los momentos más críticos de nuestro país- También ahora, con la lengua. Si Feijóo sigue por este camino, que me atrevo a calificar de disparatado, represivo y absurdo, va a encontrar frente a él a una mayoría social cada día más activa y con mayor determinación. Creo que las primeras e importantes escaramuzas de este proceso de negación del idioma gallego han tenido una consecuencia positiva: nos han vuelto a movilizar a todos. Seguimos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A lingua dos peixes.

16 Novembro, 2009 (02:47) | Sen clasificar | 108 comments

Intervención de Marilar Aleixandre no acto cívico «Lingua de liberdade»

Lingua, lingua, lingua

Lingua de carne para facer rolar sobre ela a lingua de palabras. Lingua para arrolar a lingua, mais non para que durma.

Lingua. Liberdade. Libro. Liberdade para cantar, amar, rir na lingua galega. Lingua para berrar ¡Liberdade! Libros para facer voar a lingua nas ás das súas páxinas.
Lingua para sermos libertarias e, se fose o caso, libertinas.
Lingua sen ligaduras nin ligames.

Lingua, lingua, lingua
Houbo unha vez unha meiga, cortou a lingua da serea, arrebatoulle a voz e a cambio deulle dúas pernas. Agora uns prebostes e sub-prebostes, uns arquipámpanos que gobernan o diario oficial e cren gobernar as nosas vidas, queren cortarnos a lingua, arrebatarnos a voz, e nin sequera nos dan unhas pernas novas.

Nós non queremos trocar lingua por pernas. Escollemos ser peixes, falar a nosa lingua de peixes. Oufanámonos da nosa cola cuberta de escamas de prata. Grazas á nosa lingua, á nosa cola de peixe, nadamos polas augas mariñas das entrañas de Galicia. As nosas garlas permítennos respirar por baixo da auga.

Convocamos en defensa da lingua a luras e polbos, a lorchos e linguados. Convocamos a todas e todos os que manteñen a lingua de palabras en precario equilibrio sobre a súa lingua de carne. ¡Gardade a lingua! E para gardala, espalládea por mares e océanos, polos camiños de Galicia e do mundo.

Lingua, lingua, lingua

Lingua e liberdade. Lingua é liberdade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Intervención de Henrique Monteagudo en «Lingua de liberdade»

16 Novembro, 2009 (02:43) | Sen clasificar | No comments

Vou falar brevemente en nome de “Galego, patrimonio da humanidade”, a entidade que organiza e convoca este acto. En primeiro lugar, gustaríame aclarar que o noso é un colectivo aberto, non unha plataforma organizada. Non é a nosa intención competir coas dúas plataformas de defensa da lingua que están a funcionar, “Queremos Galego” e “Pro-Lingua”. Congratulámonos da súa existencia, que expresa o dinamismo cívico e a rica pluralidade do noso tecido social, e agradecémoslles o seu traballo, que de ningunha maneira contemplamos como contraposto, nin entre elas nin con “Galego, patrimonio da humanidade”. Varios de nosoutros formamos parte dunha e da outra plataforma, e non atopamos ningunha incompatibilidade nisto. Estamos traballando todos nun clima de complicidade e complementariedade cun obxectivo compartido, de mobilización da sociedade e da opinión pública en defensa do idioma galego.

A tarefa específica que se marcou o noso colectivo “Galego, patrimonio da humanidade” é a creación dun espazo discursivo arredor da lingua, un espazo radicado na pluralidade, e onde priman os argumentos cívicos e a racionalidade democrática, e maila deliberación libre e informada. Queremos apelar ás distintas forzas e os diversos sectores sociais, como é o caso dos sindicatos e os profesionais, que hoxe estiveron representados neste acto. Pensamos que é necesario abrir o debate sobre a lingua, ata agora excesivamente circunscrito no ámbito político e a sectores ideolóxicos, políticos e sociais moi respectables pero tamén moi determinados. En definitiva, aspiramos a contribuír para crear un novo discurso acerca do galego e da convivencia lingüística en Galicia e no conxunto do Estado.

Non se oculta a ninguén que nas actuais circunstancias, é unha preocupación moi particular a que nos inspira, que vén motivada polos ataques que está a recibir o galego por parte de sectores minoritarios pero que gozan de privilexios moi exclusivos e atesouran un gran poder económico e mediático, coma os que representa, por poñer un exemplo ben significativo, o Club Financeiro de Vigo. Aínda máis nos alarma o enfoque que a actual Xunta de Galicia está a dar á política lingüística, un enfoque imposto por esas elites sociais privilexiadas e claramente orientado a desmontar as conquistas da autonomía, a desprotexer e desincentivar o galego, a desconstruír as bases da nosa convivencia.

O marco democrático e autonómico de que nos dotamos propiciaron uns avances innegables no tocante á dignificación do idioma, á extensión do seu uso na vida pública, nas institucións oficiais e na produción cultural. Pero aínda estamos lonxe de conseguir o obxectivo da plena igualdade non só xurídica e formal, senón efectiva e real, do galego e o castelán. O idioma galego e os seus falantes (os sectores populares do país) aínda cargan cos estigmas ben visibles que lle inflixiu o maltrato histórico que padeceron, brutalmente agravado pola ditadura franquista. Por iso resulta un sarcasmo que se pretenda trasler a historia e poñela do revés, asociando o galego coa imposición e o castelán coa liberdade. Se hai unha lingua que neste país expresou as arelas de xustiza e liberdade do noso pobo, esa é o galego: de aí o lema que preside o comicio que estamos a celebrar: LINGUA DE LIBERDADE.

O principal desafío que teremos que enfrontar no inmediato futuro é a anunciada derrogación do decreto que regula o uso do castelán e o galego no ensino pre-universitario. Un decreto que aprobou a anterior Xunta de Galicia, e que avanzaba nun camiño consensuado entre os tres partidos parlamentarios, baixo o mandato de Manuel Fraga, que se orientaba cara a unha tratamento equitativo dos idiomas, atribuíndolle ao galego unha porcentaxe de uso mínimo do cincuenta por cento na educación.
Sabemos que as intencións de principio do actual goberno galego son rebaixar os mínimos esixidos para o galego, pero neste momento descoñecemos a fórmula que se adoptará no novo decreto. Nesta situación, o colectivo “Galego, patrimonio da humanidade” chama á sociedade a impedir que se dean pasos atrás na imprescindible protección do galego, unha protección que comeza polo seu uso normalizado no medio educativo. Os centros educativos que, grazas á implicación do profesorado e co asenso de toda a comunidade educativa, se levan esforzado para cumprir a legalidade, e conseguiron avanzar na progresiva implantación do galego, non deben verse agora obrigados a recuar.

No fondo, o que reclamamos é algo moi sinxelo. Que o Partido Popular volva ao consenso político e social que rachou hai dous anos, cando se opuxo á aprobación do decreto sobre o galego que agora a Xunta quere derrogar. Reclamamos un marco estable, fundado no consenso político e social, para a protección da lingua propia do noso país nun clima de respecto e de convivencia entre todos os galegos, independentemente do idioma que falen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O acto cívico «Lingua de liberdade» nos medios

15 Novembro, 2009 (13:00) | Sen clasificar | No comments

Valoración da repercursión nos medios do acto cívico «Lingua da liberdade» de Antón Baamonde en Café na trincheira e reflexión sobre o significado do mesmo.

A Nosa Terra. Artigo e fotogalería de Manuel Vilas. «Feixóo vai ter que vir ao consenso porque a maioría social está con nós» e galería de fotos.

O Teatro Principal de Santiago quedouse pequeno para o acto ‘Lingua de liberdade’ da Plataforma Galego Patrimonio da Humanidade. Sindicalistas, escritores, actores, mestres, políticos, estudantes de diversas ideoloxías xuntáronse para reclamarlle a Xunta do PP que volva ao consenso a prol da normalización do idioma.

Vieiros, Crónica de Fernando Arrizado: «Feijóo debe volver ao consenso».

Anik Nandi, estudante índio de doutoramento: «Ao chegar a España xa sabía castelán, así que vin vivir a Galiza intereseime en coñecer o galego. Debemos aprender as linguas de onde vivimos como estranxeiros. Coñecer a alguén sen a súa lingua é como coñecelo sen corazón».

El País – Galicia, artigo de María Pampín: «Un novo espazo para evitar que «o galego dea un paso atrás»».

«Como representante do colectivo interveu o filólogo Henrique Monteaguro, que defendeu a iniciativa como a creación dun novo espazo e discurso a favor da convivencia lingüística. O profesor criticou os intentos da Xunta para «desmantelar o conseguido na autonomía», así como os ataques de «grupos minoritarios con privilexios».»

Galicia-Hoxe. Artigo de V. Oliveira: «Lingua de liberdade».

«Cun «a loita continúa» pechaba onte o sociólogo Fermín Bouza o emotivo acto cívico Lingua de liberdade que a plataforma Galego, Patrimonio da Humanidade celebrou en Compostela para «abrir á sociedade o debate sobre a lingua, demasiado circunscrito ao ámbito político», segundo remarcou un dos impulsores da plataforma, o sociolingüista Henrique Monteagudo.»

Xornal de Galicia, crónica de David Lombao: «Defensa plural da lingua, «en risco por uns poucos votos»».

«A platea do compostelán Teatro Principal quedou pequena para acoller o acto que, baixo o lema “Lingua de Liberdade”, xuntou a unha ampla representación do mundo sindical, social, cultural e tamén político –“só lamentamos que non haxa ninguén do PP, porque o galego é de todos”, explicaba o filósofo Antón Baamonde, un dos impulsores do colectivo– e no que o rexeitamento a “atacar” a lingua “por un puñado de votos” foi unha das reclamacións máis repetidas dende o escenario.»

Información de Ángela Pontes para AGN publicada en El Progreso, Diario de Pontevedra e Galiciae: «O colectivo ‘Galego Patrimonio da Humanidade’ pide »a volta do PP ao consenso na lingua»».

Nota de La Voz de Galicia. edición de Compostela, «Debate no Teatro Principal ao redor da lingua».

Chuzame! A Facebook A Twitter

14 de novembro: Lingua da liberdade

5 Novembro, 2009 (01:02) | Sen clasificar | No comments

Pancarta 1

Galego Patrimonio da Humanidade convoca Lingua de liberdade, un acto cívico a prol da lingua galega o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 12 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. No acto, que estará conducido por Candido Pazó. intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González  Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Olark Livehelp