ProLingua

7 Outubro, 2009 (22:00) | Textos

Miguel Anxo Fernán Vello

Naceu á luz pública, como vostedes saben, unha nova plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, ProLingua, unha organización apartidaria e plural que ve na Lingua Galega o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego e o que nos dá un lugar propio no mundo. ProLingua nace —a día de hoxe son xa máis de 1.000 persoas as inscritas— manifestando que dado que a lingua galega é patrimonio de todos “rexeitamos calquera pretensión de apropiarse dela ou de atribuírlla a calquera grupo ou ideoloxía particulares”; e velaquí, ben explicitada, unha visión aberta e sen trabas que debe ser admitida e recoñecida, e proxectada, por todos nós, por todo o país. Como resulta obvio, ProLingua nace porque existe, dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, unha agresividade política inmediata e descoñecida contra o idioma galego, algo que está a causar asombro e máxima preocupación nunha ampla maioría de segmentos conscientes da sociedade galega, que ven como o “idioma propio de Galicia” é desprezado e reprimido abertamente no plano político, condenándoo así —actitude propia de “neofranquistas”— a un proceso de ocultación e desaparición nos ámbitos administrativos e educativos oficiais. Lembrarán vostedes que o presidente da Real Academia Galega chegou a “amoestar” no seu día ao presidente da Xunta por sementar a crispación social en materia lingüística e por introducir medidas desprotectoras do idioma galego. E eu xa teño realizado —desculpen—, en relación con todo isto, a seguinte pregunta: ¿Coñecen vostedes algún presidente ou Goberno dalgún país do mundo que chegue a “atentar” contra o idioma propio do país que goberna? A resposta produce asombro. E de todo este abraio sentido por tantas persoas, como unha corrente ou vaga a medrar, e pola indignación moral e política que produce nos individuos libres e amantes da cultura a actuación do presidente de Galicia e do seu Goberno, nace ProLingua. E nace, como di Xabier P. DoCampo, porque “nós non mentimos”, e porque non lle imos permitir ao Goberno da Xunta, utilizándomos sempre a forza da verdade e da razón, que leve a cabo accións contra o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego: o seu idioma propio, lingua europea milenaria, pai e nai do portugués, vehículo dunha excepcional literatura medieval e contemporánea, “a fala dos avós que temos mortos”, como deixou dito Celso Emilio Ferreiro, e unha lingua que “outros” quixeron borrar do mapa e que tantas xeracións e xeracións de dor ten producido na historia por perseguida, por ridiculizada e por negada. Mais hoxe non. Porque a barbarie hoxe non ten futuro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp