¿Conflito lingüístico?

14 Xullo, 2009 (18:06) | Textos

Xosé Manuel Sánchez Aguión, José Antonio Gómez Gómez, secretarios xerais de CC.OO. e UGT de Galicia

Comecemos por recoñecer que vivir nun país con dúas linguas non só non é un problema, senón que debe ser unha oportunidade. De feito, a inmensa maioría cidadá de Galicia conviviu sen problemas lingüísticos. E se a cidadanía vive allea ao aparente problema da lingua, cabe pensar que o enfrontamento é provocado voluntariamente pola dinámica electoral, coa finalidade de apañar uns poucos votos entre quen se mostra máis belixerante, sen importar que sexa á conta de interpretar a lexislación de maneira máis que torticeira.

O Estatuto de Autonomía establece como linguas oficiais da nosa comunidade o galego e o castelán e, en consecuencia, o dereito dos seus cidadáns a coñecelas e usalas. Os poderes públicos teñen, pois, o deber de garantir os dereitos da cidadanía e facilitar o coñecemento dos dous idiomas en igualdade de condicións.

Darlle ao galego no acceso á función pública un tratamento de lingua estranxeira non é unha boa maneira de garantir estes dereitos. Ademais, as empregadas e empregados públicos selecciónanse polos principios de capacidade e mérito, sen que o principio de igualdade se vexa comprometido polo feito de que se lle esixa o coñecemento da lingua propia de Galicia. Vinte e nove anos despois de promulgado o Estatuto e establecida a oficialidade dos dous idiomas, o tratamento diferenciado no acceso supón unha manifesta toma de postura preferente a favor dunha das linguas. Igual consideración podemos facer no ámbito do ensino. A oficialidade das dúas linguas vén dada polo Estatuto de Autonomía, polo que é un deber dos poderes públicos facilitar o seu coñecemento, dándolles no ensino obrigatorio un tratamento igualitario. Serán logo os cidadáns e cidadás adultos quen decidan cal queren usar.

A trampa da «liberdade de escolla» implica a vontade expresa do poder público de renunciar ao cumprimento dunha obriga imposta polo Estatuto, que é facilitar o coñecemento das dúas linguas e, pois, un tratamento igualitario á hora de ensinalas. Non concibimos que, por exemplo, se consulte no ensino obrigatorio sobre que se estude ou non se estude matemáticas, entendendo que se trata dunha materia fundamental.

¿Como se pode nestas circunstancias falar de «harmonía», «amabilidade» e outras sutilezas aparentemente ben intencionadas? ¿Como podemos falar de consenso cando, de feito, pretenden impor as posturas máis radicais nunha das direccións?

Sería desexable que retornase a cordura. UGT e CC.?OO. cremos firmemente que o galego nunca debería ter sido utilizado como un instrumento de confrontación ou fractura social, nin como bandeira exclusiva, diferenciadora ou elemento de discriminación. Deberiamos entre todos tratar de lograr que calquera modificación sobre o decreto do uso do galego no ensino conte co consenso da cidadanía e dos seus lexítimos representantes políticos e sociais.

Tribuna publicada en La Voz de Galicia (14-07-2009)

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp