O camiño da lingua é o noso camiño como pobo

11 Xullo, 2009 (23:14) | Textos

Fermín Bouza

En todo o tempo que levamos de democracia nunca se sentiu como agora a perda de uso do noso idioma nacional, o noso idioma propio, como di o Estatuto de Autonomía. Son dúas as causas: a primeira ten que ver cos acelerados procesos de globalización que fan adoptar o castelán como primeiro idioma a unha grande parte da poboación urbana galega, e a segunda causa é a actitude regresiva do actual PP con respecto á nosa lingua. As dúas xuntas debuxan un escenario negativo e pesimista, e ese pesimismo transmítese a unha grande parte da poboación mais combativa. Esta última cuestión é aínda mais negativa cas outras, pois pecha toda posibilidades de recuperación. No meu criterio, estes serían os puntos inmediatos da nosa loita pola lingua e pola dignidade, que van fondamente unidas:
– Recuperar o optimismo e a capacidade de resistencia e loita da poboación activa e crítica creando plataformas e institucións que activen o idioma alí onde se está a perder.
– Pular por un cambio nas políticas lingüísticas do actual goberno, sen rexeitar a priori ningún proceso de diálogo e acordo, sempre que sexa racionalmente eficiente para a nosa lingua.
– Axustar o galego aos novos usos urbanos, traballando ao nivel académico e científico de xeito eficiente e transmitindo as conclusións ás organizacións sociais para que pulen por elas nos seus ámbitos.
– Pular pola lealdade lingüística da poboación que se pasou ao castelán, que en moitos casos está agardando por esa mensaxe de apoio, optimismo e loita. Unha grande parte dos que rexeitaron o galego tornaría a el nun contexto axeitado.
– Converter a cuestión lingüística en cuestión central de toda política.
Estes e outros puntos que se poderían por, marcan una folla de rota que ha ser contrastada coa realidade, e se ben ao caso, mudada ou matizada. Non hai verdades tácticas definitivas nestes eidos do desenvolvemento das culturas non materiais dos pobos. Pero hai unha verdade estratéxica á que debemos servir; defender a existencia do galego como parte de nos mesmos como pobo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp