Sobre “Anteproxecto de Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”

13 Marzo, 2010 (16:16) | Sen clasificar | No comments

O colectivo Galego Patrimonio da Humanidade fai público a súa oposición ao “Anteproxecto de Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, que o goberno galego acaba de presentar. Pendentes dunha análise máis demorada do texto, este desacordo fundaméntase nas consideracións que a seguir se resumen:

1.- O dito anteproxecto vén dar forma definitiva ás “Bases” difundidas a finais de decembro pasado, que suscitaron un amplo rexeitamento social, político e institucional (nomeadamente a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega), e de xeito especialmente significativo nos distintos sectores da comunidade educativa. O Partido Popular e o goberno desoíron tanto o clamor social coma as opinións dos especialistas e as institucións contra unhas Bases máis pensadas para resolver as obsesións de determinados dirixentes e as querelas internas do PP e dar satisfacción aos sectores contrarios ao idioma galego (minoritarios pero poderosos), que non orientadas a regular racionalmente, e de acordo coa legalidade, o uso das linguas na educación.

2.- Unha vez máis, este Anteproxecto está elaborado a partir de premisas falaces e coa mira posta en obxectivos alleos (cando non contrapostos) aos que veñen inspirando o conxunto da lexislación sobre esta materia. Tanto as normas legais como a política lingüística en Galicia descansaron ata agora na constatación de que o idioma galego fora historicamente sometido a un maltrato que o conducira a unha posición moi vulnerable, de maneira que os poderes públicos estaban obrigados a superar esa situación, mediante políticas de defensa e promoción da lingua. Pola contra, para Alberto Núñez Feijoo, o seu goberno e o partido que o sustenta, o problema non é ese, senón unha suposta imposición do galego, e a partir desa falsidade e dunhas promesas electorais frívolas e irresponsables, o que se deseñan son políticas orientadas en senso contrario ao que as nosas leis, a tradición da autonomía e o puro senso común aconsellan.

O que Galicia precisa non son medidas cautelares contra unha fantaseada imposición do galego, materializadas en previsións insólitas e carentes de lóxica (como a consulta cada catro anos ás familias), senón o que prevé a nosa lexislación: un marco lingüístico-educativo e unhas políticas lingüísticas orientadas a alcanzar igualdade entre os dous idiomas oficiais e ao fomento do idioma galego. Con este Anteproxecto, o goberno da Xunta e o Partido Popular volven colocarse en solitario fronte á maioría das forzas políticas, sociais e sindicais, das institucións máis relevantes e dos colectivos e asociacións profesionais máis representativas. Galego Patrimonio da Humanidade chama a cidadanía, os sindicatos, o colectivos cívicos e os partidos políticos a dar unha resposta unitaria a este Anteproxecto e as medidas de desprotección do idioma impulsadas pola Xunta de Galicia, na procura da recuperación do amplo consenso sobre a política lingüística que o Partido Popular veu rachar, e que coidamos imperativo recuperar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

POR UN ENSINO BILINGÜE E UN MODELO EDUCATIVO INTEGRADOR

20 Xaneiro, 2010 (17:58) | Sen clasificar | No comments

Seguindo unha liña implacable de desmantelamento das políticas de promoción do idioma galego e da convivencia lingüística en Galicia, o goberno do Partido Popular presentou o pasado 30 de decembro unhas denominadas “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”. Tales Bases anuncian un decreto que virá substituír o aprobado en 2007 polo goberno de coalición entre o PSdG/PSOE e o BNG, unha norma que o Partido Popular converteu en cabalo de batalla política e electoral, encirrando os vellos prexuízos contra o idioma do país e sementando a discordia na nosa sociedade. Os obxectivos inmediatos desa campaña foron reverter calquera avance do galego e desgastar o goberno de coalición progresista e nacionalista. Pero cada vez aparece máis claro que o seu horizonte era e é a reconquista da hexemonía política no Estado, fundada no lanzamento nun amplo proceso de re-nacionalización de España e de recentralización do Estado nos vellos e caducos moldes uniformistas.

En consecuencia, o decreto que se anuncia nas devanditas “Bases” suporá a culminación das medidas regresivas contra o galego que se viñeron tomando desde os mesmos comezos da presente lexislatura. O que se anuncia é unha norma que implicará un cambio radical do modelo de convivencia lingüística que foi fraguando no noso país nas últimas décadas, a partir da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Unha viraxe que virá imposta de xeito unilateral, esbandallando un consenso laboriosamente forxado, que callou no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado unanimemente (a iniciativa da Xunta do PP) polo Parlamento de Galicia en 2004. Os aspectos fundamentais en que se basea o modelo vixente ata agora son:

1)    Cooficialidade do galego e o castelán, procurando a súa igualdade real, a competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía, e o respecto aos dereitos individuais dos falantes dunha e outra lingua.

2)    Impulso de políticas de promoción do galego, para compensar a súa situación de partida, claramente inferior ao castelán, consecuencia pola imposición histórica deste idioma e da marxinación do noso.

O modelo lingüístico que se foi deseñando para o sistema educativo de Galicia fúndase nos seguintes principios: a) a educación é un factor de integración lingüística e social, b) o sistema educativo ten un papel fundamental na capacitación lingüística dos/as estudantes, particularmente nas dúas linguas oficiais, c) o ensino debe contribuír a compensar a desigualdade de estatus social do galego e o castelán. En consecuencia, no terreo lingüístico os principais obxectivos dese modelo son a competencia equivalente nas dúas linguas (explícito) e a contribución á normalización social do galego (implícito).

O modelo de bilingüismo escolar foi evoluíndo co paso do tempo, dentro duns marcos cambiantes pero considerablemente flexibles, construídos sobre as seguintes bases:

- Primeiro ensino na lingua materna, pero con atención á outra lingua oficial

- Uso vehicular das dúas linguas oficiais no currículo

- Incremento progresivo da utilización do galego, con fixación de mínimos da súa presenza no currículo

- Planificación por obxectivos, máis ca por modelos

- Flexibilidade e relativa autonomía dos centros na planificación lingüística, en atención aos diferentes contextos sociolingüísticos.

As “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, presentadas pola Xunta de Galicia atentan contra os principios, os obxectivos e as características básicas dese modelo, e concretamente nos seguintes aspectos fundamentais:

1)    Desleixo do papel social e lingüisticamente integrador do sistema educativo

2)    En consecuencia, abandono da función compensatoria e igualadora da desvantaxe social do galego con respecto ao castelán, substituída por un equilibrio entre as linguas puramente formal e con efectos minorizadores para o galego

3)    Reversión do principio de progresividade, substituído por unha decidida tendencia regresiva: de súpeto, o galego pasa dun mínimo do 50% do currículo a un máximo do 33%

4)    Fixación obsesiva nos modelos en lugar de atender ao realmente importante, que son os obxectivos do sistema educativo

5)    Atribución ás familias dun papel claramente intrusivo e distorsionador, non demandado por elas, no deseño dos currículos escolares, con grave desprezo da dignidade profesional do profesorado

Todo o devandito adobiado coa introdución aberrante e extemporánea no debate dun terceiro en discordia, o inglés, coa única pretensión de desviar a atención sobre os problemas reais, e, aínda peor, de confrontar unha lingua estranxeira pero con grande prestixio, coa lingua propia do país aínda seriamente eivada na súa imaxe social. Tan evidente resulta que unha satisfactoria capacitación en inglés debe ser un obxectivo do sistema educativo, coma que o lugar para o debate sobre ese problema non o constitúe un decreto que debe regular o uso das dúas linguas oficiais de Galicia no sistema educativo.

Galicia precisa un modelo de bilingüismo educativo común e integrador, respectuoso e galeguizador, progresivo e flexible, e que conte cun horizonte de estabilidade, a resgardo de vaivéns políticos e electorais. Por tanto, e coa mira posta en conseguir un auténtico bilingüismo equitativo entre o galego e o castelán, que sitúe o idioma propio de Galicia no lugar que en xustiza lle corresponde e que a inmensa maioría da sociedade desexa, o colectivo GALEGO, PATRIMONIO DA HUMANIDADE, chama á cidadanía galega e os actores do sistema educativo, profesorado, estudantado e persoal administrativo, así coma as familias a apoiar as mobilizacións convocadas para o día 21 de xaneiro, e en concreto a folga xeral do ensino e a manifestación en Compostela.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comunicado sobre a sentenza do Tribunal Supremo

17 Novembro, 2009 (18:40) | Sen clasificar | No comments

A xuízo de Galego Patrimonio da Humanidade a recente sentenza do Tribunal Supremo que falla contra o pai do colexio vigués “Los Sauces” que solicitaba que o seu fillo fose integramente educado en castelán reforza a constitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística e, indirectamente, do decreto que o anterior goberno bipartito aprobou en orde a garantir a igualdade entre galego e castelán no marco educativo.

A sentenza revalida a doutrina do Tribunal Constitucional e pon en evidencia que a hipótese da exclusividade do uso do castelán no sistema educativo sería un acto de discriminación atentatorio contra os valores consagrados no actual marco xurídico. Pon en evidencia tamén ao Consello Consultivo de Galicia que elaborou un nesgado informe contra o decreto agora vixente utilizado de modo partidista contra o goberno bipartito. O fallo revela o carácter pre-constitucional das reivindicacións dos grupos que pretenden a hexemonía do castelán, como Galicia Bilingüe e, polo mesmo, a campaña de falsidades que o Partido Popular avalou na campaña electoral, dándolle crédito ás posicións máis radicais e intransixentes.

En vésperas da aprobación do novo decreto que substituirá ao anterior esta sentenza constitúe unha chamada de atención e, de feito, un tirón de orellas ás promesas de Núñez Feijóo aos sectores castelanistas máis recalcitrantes. En particular a segregación dos rapaces por idioma atenta contra o Estatuto de Autonomía e o marco educativo vixente.

Galego Patrimonio da Humanidade lamenta que o Partido Popular teña ido tan lonxe dos principios constitucionais só por disputar un puñado de votos con UPyD e por darlle satisfacción a un sector moi minoritario dos pais. É o propio Núñez Feijóo quen terá que saír polos seus propios medios dun conflito que alentou e promoveu, dándolle pábulo á falsa idea da imposición lingüística voceada dende certos medios de comunicación interesados. Que un goberno se sitúe contra o idioma do propio país é algo insólito que a cidadanía, como así o fixo, non pode máis que contestar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

14-N: Emoción, humor y determinación

16 Novembro, 2009 (16:46) | Sen clasificar | No comments

Fermín Bouza
Fue un acto no sólo lleno de significación cívica y de representatividad social: fue emocionante y divertido, como si el sentimiento del idioma hubiese generado en igual medida calor y distancia (Cándido Pazó fue un extraordinario presentador, showman o como quieran decirlo). Divertido y emocionante, sin otra seriedad que la `propia de un tema grave y en la medida estrictamente necesaria, el acto del 14 de Noviembre a favor de la lengua gallega trajo a sindicatos (UXT; CCOO) y organizaciones políticas (PSdG y BNG, con gentes presentes y reconocibles), alcaldes, rector de la USC, y otros representantes académicos, gentes diversas interesadas en estar presentes en esta presentación de un camino  interpartidario, plural y de progreso para trabajar en la plena recuperación del gallego. Gentes a las que no veía tras tantos años de distancia del día a día de mi tierra, gentes que han seguido trabajando por cosas positivas, como lo habían hecho siempre, gentes de mi generación que no han dejado de construir y estar presentes en los momentos más críticos de nuestro país- También ahora, con la lengua. Si Feijóo sigue por este camino, que me atrevo a calificar de disparatado, represivo y absurdo, va a encontrar frente a él a una mayoría social cada día más activa y con mayor determinación. Creo que las primeras e importantes escaramuzas de este proceso de negación del idioma gallego han tenido una consecuencia positiva: nos han vuelto a movilizar a todos. Seguimos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A lingua dos peixes.

16 Novembro, 2009 (02:47) | Sen clasificar | No comments

Intervención de Marilar Aleixandre no acto cívico «Lingua de liberdade»

Lingua, lingua, lingua

Lingua de carne para facer rolar sobre ela a lingua de palabras. Lingua para arrolar a lingua, mais non para que durma.

Lingua. Liberdade. Libro. Liberdade para cantar, amar, rir na lingua galega. Lingua para berrar ¡Liberdade! Libros para facer voar a lingua nas ás das súas páxinas.
Lingua para sermos libertarias e, se fose o caso, libertinas.
Lingua sen ligaduras nin ligames.

Lingua, lingua, lingua
Houbo unha vez unha meiga, cortou a lingua da serea, arrebatoulle a voz e a cambio deulle dúas pernas. Agora uns prebostes e sub-prebostes, uns arquipámpanos que gobernan o diario oficial e cren gobernar as nosas vidas, queren cortarnos a lingua, arrebatarnos a voz, e nin sequera nos dan unhas pernas novas.

Nós non queremos trocar lingua por pernas. Escollemos ser peixes, falar a nosa lingua de peixes. Oufanámonos da nosa cola cuberta de escamas de prata. Grazas á nosa lingua, á nosa cola de peixe, nadamos polas augas mariñas das entrañas de Galicia. As nosas garlas permítennos respirar por baixo da auga.

Convocamos en defensa da lingua a luras e polbos, a lorchos e linguados. Convocamos a todas e todos os que manteñen a lingua de palabras en precario equilibrio sobre a súa lingua de carne. ¡Gardade a lingua! E para gardala, espalládea por mares e océanos, polos camiños de Galicia e do mundo.

Lingua, lingua, lingua

Lingua e liberdade. Lingua é liberdade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Intervención de Henrique Monteagudo en «Lingua de liberdade»

16 Novembro, 2009 (02:43) | Sen clasificar | No comments

Vou falar brevemente en nome de “Galego, patrimonio da humanidade”, a entidade que organiza e convoca este acto. En primeiro lugar, gustaríame aclarar que o noso é un colectivo aberto, non unha plataforma organizada. Non é a nosa intención competir coas dúas plataformas de defensa da lingua que están a funcionar, “Queremos Galego” e “Pro-Lingua”. Congratulámonos da súa existencia, que expresa o dinamismo cívico e a rica pluralidade do noso tecido social, e agradecémoslles o seu traballo, que de ningunha maneira contemplamos como contraposto, nin entre elas nin con “Galego, patrimonio da humanidade”. Varios de nosoutros formamos parte dunha e da outra plataforma, e non atopamos ningunha incompatibilidade nisto. Estamos traballando todos nun clima de complicidade e complementariedade cun obxectivo compartido, de mobilización da sociedade e da opinión pública en defensa do idioma galego.

A tarefa específica que se marcou o noso colectivo “Galego, patrimonio da humanidade” é a creación dun espazo discursivo arredor da lingua, un espazo radicado na pluralidade, e onde priman os argumentos cívicos e a racionalidade democrática, e maila deliberación libre e informada. Queremos apelar ás distintas forzas e os diversos sectores sociais, como é o caso dos sindicatos e os profesionais, que hoxe estiveron representados neste acto. Pensamos que é necesario abrir o debate sobre a lingua, ata agora excesivamente circunscrito no ámbito político e a sectores ideolóxicos, políticos e sociais moi respectables pero tamén moi determinados. En definitiva, aspiramos a contribuír para crear un novo discurso acerca do galego e da convivencia lingüística en Galicia e no conxunto do Estado.

Non se oculta a ninguén que nas actuais circunstancias, é unha preocupación moi particular a que nos inspira, que vén motivada polos ataques que está a recibir o galego por parte de sectores minoritarios pero que gozan de privilexios moi exclusivos e atesouran un gran poder económico e mediático, coma os que representa, por poñer un exemplo ben significativo, o Club Financeiro de Vigo. Aínda máis nos alarma o enfoque que a actual Xunta de Galicia está a dar á política lingüística, un enfoque imposto por esas elites sociais privilexiadas e claramente orientado a desmontar as conquistas da autonomía, a desprotexer e desincentivar o galego, a desconstruír as bases da nosa convivencia.

O marco democrático e autonómico de que nos dotamos propiciaron uns avances innegables no tocante á dignificación do idioma, á extensión do seu uso na vida pública, nas institucións oficiais e na produción cultural. Pero aínda estamos lonxe de conseguir o obxectivo da plena igualdade non só xurídica e formal, senón efectiva e real, do galego e o castelán. O idioma galego e os seus falantes (os sectores populares do país) aínda cargan cos estigmas ben visibles que lle inflixiu o maltrato histórico que padeceron, brutalmente agravado pola ditadura franquista. Por iso resulta un sarcasmo que se pretenda trasler a historia e poñela do revés, asociando o galego coa imposición e o castelán coa liberdade. Se hai unha lingua que neste país expresou as arelas de xustiza e liberdade do noso pobo, esa é o galego: de aí o lema que preside o comicio que estamos a celebrar: LINGUA DE LIBERDADE.

O principal desafío que teremos que enfrontar no inmediato futuro é a anunciada derrogación do decreto que regula o uso do castelán e o galego no ensino pre-universitario. Un decreto que aprobou a anterior Xunta de Galicia, e que avanzaba nun camiño consensuado entre os tres partidos parlamentarios, baixo o mandato de Manuel Fraga, que se orientaba cara a unha tratamento equitativo dos idiomas, atribuíndolle ao galego unha porcentaxe de uso mínimo do cincuenta por cento na educación.
Sabemos que as intencións de principio do actual goberno galego son rebaixar os mínimos esixidos para o galego, pero neste momento descoñecemos a fórmula que se adoptará no novo decreto. Nesta situación, o colectivo “Galego, patrimonio da humanidade” chama á sociedade a impedir que se dean pasos atrás na imprescindible protección do galego, unha protección que comeza polo seu uso normalizado no medio educativo. Os centros educativos que, grazas á implicación do profesorado e co asenso de toda a comunidade educativa, se levan esforzado para cumprir a legalidade, e conseguiron avanzar na progresiva implantación do galego, non deben verse agora obrigados a recuar.

No fondo, o que reclamamos é algo moi sinxelo. Que o Partido Popular volva ao consenso político e social que rachou hai dous anos, cando se opuxo á aprobación do decreto sobre o galego que agora a Xunta quere derrogar. Reclamamos un marco estable, fundado no consenso político e social, para a protección da lingua propia do noso país nun clima de respecto e de convivencia entre todos os galegos, independentemente do idioma que falen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O acto cívico «Lingua de liberdade» nos medios

15 Novembro, 2009 (13:00) | Sen clasificar | No comments

Valoración da repercursión nos medios do acto cívico «Lingua da liberdade» de Antón Baamonde en Café na trincheira e reflexión sobre o significado do mesmo.

A Nosa Terra. Artigo e fotogalería de Manuel Vilas. «Feixóo vai ter que vir ao consenso porque a maioría social está con nós» e galería de fotos.

O Teatro Principal de Santiago quedouse pequeno para o acto ‘Lingua de liberdade’ da Plataforma Galego Patrimonio da Humanidade. Sindicalistas, escritores, actores, mestres, políticos, estudantes de diversas ideoloxías xuntáronse para reclamarlle a Xunta do PP que volva ao consenso a prol da normalización do idioma.

Vieiros, Crónica de Fernando Arrizado: «Feijóo debe volver ao consenso».

Anik Nandi, estudante índio de doutoramento: «Ao chegar a España xa sabía castelán, así que vin vivir a Galiza intereseime en coñecer o galego. Debemos aprender as linguas de onde vivimos como estranxeiros. Coñecer a alguén sen a súa lingua é como coñecelo sen corazón».

El País – Galicia, artigo de María Pampín: «Un novo espazo para evitar que «o galego dea un paso atrás»».

«Como representante do colectivo interveu o filólogo Henrique Monteaguro, que defendeu a iniciativa como a creación dun novo espazo e discurso a favor da convivencia lingüística. O profesor criticou os intentos da Xunta para «desmantelar o conseguido na autonomía», así como os ataques de «grupos minoritarios con privilexios».»

Galicia-Hoxe. Artigo de V. Oliveira: «Lingua de liberdade».

«Cun «a loita continúa» pechaba onte o sociólogo Fermín Bouza o emotivo acto cívico Lingua de liberdade que a plataforma Galego, Patrimonio da Humanidade celebrou en Compostela para «abrir á sociedade o debate sobre a lingua, demasiado circunscrito ao ámbito político», segundo remarcou un dos impulsores da plataforma, o sociolingüista Henrique Monteagudo.»

Xornal de Galicia, crónica de David Lombao: «Defensa plural da lingua, «en risco por uns poucos votos»».

«A platea do compostelán Teatro Principal quedou pequena para acoller o acto que, baixo o lema “Lingua de Liberdade”, xuntou a unha ampla representación do mundo sindical, social, cultural e tamén político –“só lamentamos que non haxa ninguén do PP, porque o galego é de todos”, explicaba o filósofo Antón Baamonde, un dos impulsores do colectivo– e no que o rexeitamento a “atacar” a lingua “por un puñado de votos” foi unha das reclamacións máis repetidas dende o escenario.»

Información de Ángela Pontes para AGN publicada en El Progreso, Diario de Pontevedra e Galiciae: «O colectivo ‘Galego Patrimonio da Humanidade’ pide »a volta do PP ao consenso na lingua»».

Nota de La Voz de Galicia. edición de Compostela, «Debate no Teatro Principal ao redor da lingua».

Chuzame! A Facebook A Twitter

14 de novembro: Lingua da liberdade

5 Novembro, 2009 (01:02) | Sen clasificar | 2 comments

Pancarta 1

Galego Patrimonio da Humanidade convoca Lingua de liberdade, un acto cívico a prol da lingua galega o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 12 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. No acto, que estará conducido por Candido Pazó. intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González  Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iniciativa para o Galego. 14 de Novembro

10 Outubro, 2009 (14:51) | Textos | 3 comments

Antón Baamonde

Onte,  venres,  os  membros  da  Iniciativa  para  o  Galego  “Galego. Patrimonio  da  Humanidade”  fixemos  unha rolda  de  prensa  en  Santiago,  na  galería  Sargadelos. Dela  dáse  conta  tanto noutra  entrada  deste  post  coa  información  que  hoxe saca  El  País  como  no  post que  onte  en  El  Voto  con  Botas publicou  Fermín  Bouza que  relata  a  noticia  tal  e  como  a  difundiu  Europapress (por  certo  que  a informadora  me  confunde  cun  curmán,  deputado  do  PP:  a  ver  se  a  confusión  lle  crea  problemas. Non  me  gustaría. Nobreza  obriga ).

A  Iniciativa  para  o  Galego  “Galego. Patrimonio  da  Humanidade”  non  intenta  ser  unha  organización,  senón  un  punto  de  referencia  e  un  espazo  argumentativo,  a  ocasión  para  renovar  as  retóricas  de  defensa do  galego  e  facelas  máis  eficaces  e  inclusivas,  con  maior  poder  de  interpelación  social. Somos  unha  voz  máis  entre  outras. Non  queremos  patrimonializar  algo  que  non  é  noso,  como  non  é  noso  o  Pórtico  da  Gloria,  queremos,  iso  si,  que  os  bárbaros  -este  goberno- non  o  destroce  despois  dunha  noite  de  botellón

O  que  publicitamos  foi  un  acto  a  celebrar  o día  14  de  Novembro,  sábado,  ás  doce  horas  da  mañá,  no  Teatro  Principal  de  Santiago.

Alí  estarán  os  secretarios xerais de  CCOO,  Xosé  Manuel  Sánchez  Aguión  e  de  UXT Galicia,  José  Antonio  Gómez,  acompañados  por  membros  dos  seus  sindicatos. Tamén  estarán  presentes  xentes  do  socialismo  galego. Que  o  PSdeG  faga  estes  xestos  ostensibles  de  colaboración  na  defensa  do  idioma  é  algo  que  debe  ser  valorado  en  todas  as  súas  dimensións.

Por  suposto  estarán  acompañándonos  tamén  rostros  significativos  do  mundo  do  nacionalismo, da  cultura,  académicos  da RAG, profesionais  de  diferentes  ámbitos  -da  avogacía,  da  medicina,  da  economía,  do xornalismo-,  xentes  de  toda  a  compleza  multiformidade  social.

Por  suposto, chamamos  a  cidadanía  a  que  se  una  a  nós  a un  acto  modesto  -ata  tal punto  somos  unha  iniciativa  cívica  que  non  temos  un  euro  nin  para  contratar  a megafonía-,  feito,  iso  si,  coa  paixón  de  quen  defende  cousas  boas  e  coa  ira  que  da  contemplar  como  catro  persoas  que  se  cren  con  dereito  a  berrar  máis  que  os  demais,  subidos  nunha  caixa  de  fruta  son  capaces  de  segregar  tan  mala  bile. Se  alguén  dubida  deste  punto,  ademais  de  acudir  a certas  declaracións  do  goberno  non  exactamente  acertadas  ou  educadas  que  pinche  nos  foros  de  GB. O  sectarismo,  o  fanatismo,  a  inimiga  contra  todo  o  que  non sexa  a  súa  visión  estreita  do  mundo  campa  polos  seus  respeitos. É  a  España  casposa,  carca,  dogmática  e  intolerante  de sempre,  vestida  con  nova  roupaxe.

A  España  inimiga  da  diversidade,  da  pluralidade,  da  tolerancia. “A  que  despreza  canto  ignora”  en  frase  de  Antonio  Machado. A  que  non  entende  que  o  bo  de  España  é  a  súa  pluralidade e  o  seu  multilingüísmo. A  que, educada  por  Franco,  segue  pensando  que  o  único  idioma verdadeiro  é  o  castelán  e  que  hai  que  suprimir  os  outros, salvo  para  a  poesía  ou  para  falar  na  casa. Se  realmente  quixeran  a  España,  e  non  estiveran  enamorados  do  seu  propio  fanatismo,  entenderían  que  a  diversidade  é  un  don,  e  que  combatila  é  un  pecado…  pero  esta  xente  non  entende  nada.Non  dialoga,  só  sabe  facer  proselitismo. Inútil  esperar  por  razóns  equilibradas  e  ecúanimes..

Queremos  que  ese  acto  poña  en  evidencia  que  a  defensa  do  galego,  a  oposición  á  actual  liquidación  que  Feijóo  e  o  seu  goberno  están  poñendo  en  marcha,  non é  patrimonio  dos  nacionalistas,  coma  esa  dereita  interesadamente  quere  facer  ver,  senón  que  o  galego  é  un  patrimonio  común  de  todos  os  galegos,  independentemente  da  súa  profesión,  situación  social, ideas,  ou  calquera  outra  característica  idiosincrática  que  cadquén  poda  ter.

Podes  querer  que  o  galego  perdure  se  és  castelán  falante,  se  és  inmigrante,  católico,  protestante  ou  xudeu,  se  che  gusta  fumar  en  pipa,  ou  eres  abstemio,  se  amas  o  cine  de  terror  ou  fártaste  de  repetir  as  dos  irmáns  Marx  ou  as  de Audrey  Hepburn,  se  che da  polo  heavy,  ou  aínda  andas  nos  Beatles. Se  estás  por  Xoel  López  ou  por  Andrea  Calamaro.

Mesmo  se  votas  ou  es  do  PP  podes  estar  pola  defensa  do  galego  e  por  combatir  contra  este  novo  cinismo  dos  actuais  dirixentes  desta  pandilla  de  neo-pijos. Sen  meterse  en  profundidade,  un  pode  facer  notar  que  a orixe  social  de  moitos  dos  membros  deste  goberno,  comezando  pola  do  seu  presidente  é  bastante  modesta,  e de  medios  maioritariamente  galego falantes. Tal  vez  por  iso  queiran  poñer  terra  de  por  medio. Terra  de  por  medio  do  seu  propio  pasado,  do  lugar  de  ónde veñen. É  a explicación  máis  clásica  entre  todas, a  máis  repetida, pero  iso  non  significa  que  sexa  falsa.

Os  meus  amigos  castelán  falantes  non  teñen  problema  algún  co  decreto  do  50-50. Ao  contrario:  queren  que  os  seus  fillos  teñan  esa  oportunidade  de  coñecer  o  idioma  do  noso  pasado  e  agardemos  que  tamén  do  noso  futuro. Non  se  trata  dun  combate  entre  comunidades  lingüísticas  como  estes  energúmenos  pretenden  suxerir.

Tampouco  se  trata  dun combate  entre  os  que  queren  a  independencia  de  Galicia  e  os  que  queren  que  España  sexa  un  estado  federal,  ou  aqueles  aos  que  lles  gusta  a  cousa  como  está  -a  comunidade  autónoma  coas  competencias  de hoxe-. Todos  poden  querer  o  galego. Este  é  un  país  libre,  unha  democracia  que  a  uns  nos  costou  algun perigo  ou  algún  esforzo  axudar  a  traer. Alguns  tivemos  ese  entusiasmo:  o  da  liberdade. Aos  que  pretenden  a  imposición  do  castelán eu,  polo  menos,  non  lembro  que  estiveran  do  mesmo  lado. Moláballes  o  retrato  de  Franco. E  o  de  Millán  Astray,  ao  parecer.

Dinnos  que  o  galego  é  unha  imposición. Pero  os  mesmos  que  afirman  iso  de  leis  votadas  por  parlamentos  democráticos  -un detalle  que  solen  esquecer- non  teñen  reparo  en  negar  o  dereito  e  a  liberdade  das  mulleres  a  interromper  o  seu  embarazo,  nin  erguen  a  voz  porque  non  se  poda  escoller,  nos  centros  privados  e  concertados,  outra  asignatura  que  relixión. É  a  Lei  do  Embudo. Un  uso  ventaxista  dos  conceptos. Falacias  repetidas  que  acaban  tomando  corpo.

Tamén  nos  aseguran  que  os  dereitos  son individuais,  que  non  hai  dereitos  colectivos. ¿Sería  bo  que  cada  traballador negociase  de  modo  individual  co  seu  patrón?. ¿Non  sería  esa  liberdade  outro  modo  de  consagrar  o  dereito  do  máis  forte?.

Aqueles  que  son  tan  ciumentos  dos  dereitos  dos  pais  ¿ignoran  que  a  educación  é  un  dereito  que  busca  a  igualdade  de  oportunidades  e  que  os  pais  comenten  un  delito  se  non  envían  aos  seus  fillos  á  escola  que  é  obligatoria  e  universal?. Ignoran  que  un  pai  non  é  libre  para  golpear  ou  maltratar  ao  seu  flo. ¿Que  existe  esa  cousa,  a  lei,  que  regula as  relacións  sociais?

Acaso  os  cínicos  que  falan  de imposición  do  galego  son  anarquistas  que  pretenden  a  destrucción  do  Estado ? Ignoran  que,  en  España,  coñecer  o  castelán  é  un  imperativo  legal  consagrado  pola  Constitución?. Non,  non  ignoran. De  feito,  o  fondo  do  seu  argumente é  ese:  que  só  se  impoña  un  idioma,  e  que  os  outros  queden  desprotexidos  das  leis  que garantizaban  a  súa  igualdade  co  castelán. O  que  queren  é  a  liquidación  dos  idiomas  non  casteláns  porque,  no  seu  delirio,  razonan  como  aqueles  independentistas  que  só  concibe  aos  paises  con  un  único idioma. No  fondo  pensan  que  o  galego  é  un  idioma  estranxeiro…  son  fanáticos  que  se  ignoran  a  si  mesmos.

Fanáticos  que.  iso  si,  son  defendidos  polo  actual  goberno  galego  e  que  contan  cunha  axuda  de  corifeos  numerosa. Por  medios  de  comunicación,  clubes  financeiros  -as  redes  do  conservadorismo  galego  máis  añoso-. Fanáticos  que  xogan  coas  cartas  marcadas. Máis  tempo  ao  tempo. Xa  o  dixo  Lincoln “Pódese  enganar  a  alguns  algún tempo,  pero non  se  pode  enganar  a  todos  todo  o  tempo”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Nos medios

10 Outubro, 2009 (09:13) | Textos | No comments

Primeira fornada de titulares dando conta da rolda de prensa de Galego, patrimonio da humanidade e as imaxes da mesma.

Europapress: «’Galego, patrimonio da humanidade’ celebrará en Santiago un acto en «defensa de la lengua» el próximo 14 de noviembre»

Crónica de Daniel Salgado en El País. «Se unha lingua expresou a liberdade en Galicia. Esa é o galego.» Retrato de grupo dalgúns dos promotores de Galego, patrimonio da humanidade.

galegopatrimonio

Nova en Galicia-Hoxe: «14-N, o galego a debate».

Vieiros: «Galego, Patrimonio da Humanidade convoca un acto de reflexión arredor da lingua».

Chuzame! A Facebook A Twitter